Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de xaneiro de 1928. Hamburgo, Alemaña |
Morte | 5 de setembro de 2017 (89 anos) Eutin. Schleswig-Holstein. Alemaña |
Director de museo | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Alemá |
Educación | Universidade de Hamburgo. |
Coñecido por | Estudos de numismática medieval. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática. |
Ocupación | numismático , profesor universitario , museólogo |
Empregador | Universidade de Hamburgo Universidade de Kiel (pt) |
Membro de | |
Influencias | Walter Hävernick. |
Lingua | Lingua alemá |
Familia | |
Cónxuxe | Vera Hatz (1956) |
Premios | |
- 1979: Medalla Elias Brenner (SNF). - (1988): Premio da GIG. - (2002): Premio Derek Allen. - (2003): Medalla da RNS. - (2007): Medalla Gunnar Holst. |
Gert Hatz, nado o 4 de xaneiro de 1928 en Hamburgo e finado o 5 de setembro de 2017 en Eutin, Schleswig-Holstein, foi un numismático alemán especializado na moeda e na circulación monetaria nos séculos X e XI.
Logo de concluír a súa educación secundaria en 1946, Gert Hatz comezou o ano seguinte os seus estudos de Historia, Folclore alemán e Ciencias Auxiliares da Historia na Universidade de Hamburgo. Alí, un dos seus profesores máis sobranceiros foi Walter Hävernick, que dirixía o Museo de Historia de Hamburgo e que era o titular da cátedra de Antigüidade e Folclore Alemán na universidade desde 1947.[1]
Baixo a dirección de Hävernick, Hatz acadou o seu doutoramento o 12 de xaneiro de 1952, cunha tese sobre os inicios das cuñaxes en Holstein, baseada na concepción dos achados monetarios como fonte histórica.[2] Esta tese forma parte dunha serie de traballos similares doutros alumnos de Hävernik na Universidade de Hamburgo, entre eles Vera Hatz (a muller de Gert, coa que casou en 1956) e Peter Berghaus, que habitualmente se coñecen como a Escola Numismática de Hamburgo.[1]
Xa a partir de 1950, Hatz comezara a colaborar ocasionalmente, aínda como estudante, no gabinete numismático do Museo de Historia de Hamburgo, mais foi o 14 de xaneiro de 1952 cando comezou formalmente a súa traxectoria laboral nesa institución, como o seu conservador principal e como xefe do seu gabinete numismático, posto que ocupou ata 1993.[1]
Hatz substituíu en ocasións a Hävernick como representante do museo na Comisión Numismática dos Estados da República Federal Alemá, e comezou a traballar na confección do catálogo centralizado dos achados monetarios alemáns da Idade Media e da Idade Moderna. Entre 1961 e 1974 Hatz corresponsabilizouse con Hävernick da súa representación na Comisión, e a partir dese ano foi designado como representante principal e como presidente da Comisión, ata a súa xubilación en 1993.[1]
A partir de 1956, un dos labores de Hatz foi a participación, xunto con Vera Hatz e Peter Berghaus, no rexistro sistemático de moedas alemás en achados suecos da época viquinga, un proxecto xestionado entre a Comisión dos Estados e a Real Academia das Ciencias de Suecia.[1][3]
En 1971, Hatz acadou a súa habilitación como docente na Universidade de Hamburgo, cunha memoria (publicada en Suecia en 1974) acerca das moedas alemás presentes en Suecia nos séculos X e XI.[4] A partir do ano seguinte comezou a docencia nesa universidade de xeito independente e en 1988 foi nomeado profesor adxunto, adscrito ao Departamento de Historia, e tamén profesor honorario no Instituto de Prehistoria e Protohistoria da Universidade de Kiel.[1]
No ámbito editorial, en 1953 Hatz entrou a formar parte do equipo editorial da publicación Hamburger Beiträge zur Numismatik ("Contribucións de Hamburgo á numismática"), onde publicou unha gran cantidade de artigos, e a partir de 1959 asumiu a súa dirección editorial. Entre 1960 e 1967 tamén se fixo cargo da edición da sección Vorhansische Zeit ("Período prehanseático") na revista Hansischen Geschichtsblätter ("Follas de historia hanseática").[1]
En recoñecemento do seu labor en prol da numismática sueca, Gert Hatz e a súa Muller, Vera Hatz, foron recoñecidos polo rei Carlos Gustavo de Suecia como comendadores da Orde da Estrela Polar, o día 17 de setembro de 1993.[1]
Diversas entidades numismáticas nomeárono membro de honra, entre elas a Sociedade Numismática de Berlín e a Asociación de Amigos das Moedas de Hamburgo.[1]
Gert Hatz foi un prolífico autor de artigos numismáticos en diversas revistas da súa época (varios centos en Hamburger Beiträge zur Numismatik), e tamén dalgúns traballos monográficos. Esta é unha escolma das súas monografías máis salientables:[11][12][13]