Ioannis Svoronos | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de abril de 1863 Miconos - Μύκονος, Grecia |
Morte | 7 de setembro de 1922 Atenas Grecia |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Grega |
Educación | Universidade de Atenas |
Coñecido por | Director do Museo Numismático de Atenas. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e arqueoloxía |
Ocupación | arqueólogo , numismático , antropólogo , profesor universitario |
Empregador | Universidade de Atenas (1918–1920) Museo Numismático de Atenas |
Lingua | Lingua grega moderna |
Premios | |
- (1914): Medalla da Royal Numismatic Society. - (1921): Medalla Huntington. |
Ioannis Nikolaos Svoronos[1] (grego: Ιωάννης Ν. Σβορώνος), nado o 27 de abril de 1863 en Míconos e finado o 7 de setembro de 1922 en Atenas, foi un numismático e arqueólogo grego.[2][3]
Svoronos naceu nunha familia de mariños mercantes que se ocupaban do comercio de trigo entre Rusia e Grecia.[4]
Entre 1974 e 1978 cursou a súa educación secundaria, e xa os seus mestres advertiron a súa atracción pola numismática e a arqueoloxía. Seguindo o desexo da familia, Svoronos matriculouse na Escola de Dereito da Universidade de Atenas, mais abandonou os seus estudos para se dedicar á arqueoloxía e á numismática, inicialmente de xeito autodidacta, con frecuentes visitas a Atenas para comprar libros sobre esas materias.[4]
Ao seu regreso a Grecia ingresou no Museo Numismático de Atenas, coa axuda do seu tío, Alexander Meletopoulos, un influente coleccionista de moedas e antigüidades que o recomendou ao daquela director do museo. A súa adscrición a esta institución permitiulle facer frecuentes viaxes para visitar as principais coleccións numismáticas europeas e, entre os anos 1883 e 1887, para se formar nas universidades de Berlín, de Londres e de París, cos mellores profesores do seu tempo.[4]
Ao remate deste período formativo, en 1887 regresou ao Museo Numismático de Atenas, onde ocupou un posto de axudante, aínda que axiña foi reclamado por Theodor Mommsen para volver a Berlín e colaborar un tempo con Friedrich Imhoof-Blumer.[5]
En 1889, cando Svoronos tiña 26 anos, foi nomeado director do Museo Numismático de Grecia, posto que ocupou durante máis de tres décadas, ata a súa morte en 1922.[5]
En 1898, fundou e dirixiu a publicación de periodicidade anual Journal International d’Archéologie Numismatique, na que el mesmo foi un destacado colaborador, coa publicación de múltiples artigos.[6][5]
No período 1918-1920 exerceu a docencia na Universidade de Atenas, como titular da cátedra de Numismática, Metroloxía e Escultura.[7]
Ioannis Svoronos faleceu en Atenas en setembro de 1922 vítima dun derramo cerebral que se atribúe ao exceso de traballo, xa que naqueles momentos estaba a elaborar seis traballos simultaneamente.[8]
Esta é unha escolma das monografías de Ioannis Svoronos ao longo da súa carreira:[1][12][13]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ioannis Svoronos |