Biografía | |
---|---|
Nacemento | 30 de xaneiro de 1944. Königsberg, Prusia |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Alemán. |
Educación | Universidade de Dresden. Universidade de Halle-Wittenberg. |
Coñecido por | Director do Gabinete Numismático de Berlín. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática. |
Ocupación | historiador da arte , autor , numismático |
Lingua | Lingua alemá |
Premios | |
1994: Premio da GIG. 2015: Eligiuspreis (DNG). |
Wolfgang Steguweit, nado en Königsberg, Prusia, o 30 de xaneiro de 1944, é un numismático alemán vinculado ao Gabinete Numismático de Berlín.
Wolfgang Steguiweit naceu na cidade de Königsberg, daquela pertencente ao Estado de Prusia e hoxe integrada na Federación Rusa.
Cursou estudos de Historia da Arte, Educación Artística, Lingua e Literatura Alemás e Pedagoxía na Universidade de Dresden, e a continuación pasou catro anos realizando prácticas como bolseiro.[1]
Non foi ata 1980 cando acadou o seu doutoramento, na Universidade de Halle-Wittemberg, cunha tese titulada "Historia da Casa da Moeda de Gotha na segunda metade do século XVII".[1]
Steguweit dirixiu o gabinete de moedas dos museos da cidade de Gotha desde 1971 ata 1988, ano en que se trasladou ao Gabinete Numismático de Berlín, sito nos Museos Nacionais desta cidade, inicialmente como director e, desde 1992 ata a súa xubilación en 2009, como subdirector e conservador xefe.[1]
Paralelamente, en 1991 Steguweit fundou a Sociedade Alemá de Arte Medieval, que presidiu ata 2001, e logo novamente de 2010 a 2013, e da que foi elixido presidente honorario en 2013.[1]
Entre 1992 e 1998 foi delegado por Alemaña na Federación Internacional da Medalla de Arte (FIDEM) e coorganizador do seu XXVII congreso en Weimar en 2000.[1]
De 1991 a 2008 foi o representante do Estado de Berlín na Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña e, no seo desta, entre 1994 e 2004 presidiu a Fundación Gitta Kastner, centrada na investigación medallística.[1]
Desde 2015, é membro da Comisión Histórica de Turinxia e do Padroado da Fundación Cultural de Gotha.[1]
Ademais dos traballos sobre a historia das moedas e do diñeiro na Idade Media e na época moderna, publicou tamén numerosos traballos acerca das medallas de arte alemás e europeas en xeral, así como estudos sobre a historia das coleccións.[1]
En 1992 Steguweit creou a serie Die Kunstmedaille der Gegenwart in Deutschland ("A medalla de arte contemporánea en Alemaña"), que pasou a chamarse Die Kunstmedaille in Deutschland ("A medalla de arte en Alemaña") en 1996. Dos máis de 30 volumes publicados desde entón, Steguweit é autor, editor ou coeditor de 23.[1]
A obra de Wolfgang Steguweit é moi ampla; esta é unha escolma dos traballos monográficos máis representativos da súa traxectoria:[6][7][8][9]