Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de febreiro de 1920. Berlín, Alemaña |
Morte | 23 de xullo de 2014 (94 anos) Ramat Gan. Israel |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Israelí. |
Relixión | Xudaísmo. |
Educación | Universidade de Frankfurt. |
Coñecido por | Estudos de numismática de Israel. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática. |
Ocupación | profesor universitario , numismático |
Empregador | Universidade de Tel Aviv Universidade Bar-Ilan (pt) Museu Terra de Israel (pt) |
Lingua | Lingua hebrea, lingua alemá e lingua inglesa |
Premios | |
1984: Premio da GIG. |
Arie Kindler (en hebreo אריה קינדלר), nado en Berlín o 17 de febreiro de 1920 e finado en Ramat Gran, Israel, o 23 de xullo de 2014, foi un numismático e profesor universitario israelí.
Segundo o seu propio relato, o interese pola arqueoloxía de Arie Kindler remóntase a 1930, cando na súa infancia se inaugurou o Museo de Pérgamo, no seu Berlín natal, en 1930.[1][2][3]
A familia Kindler abandonou Alemaña xa en 1933, logo de que o seu pai se decatara do perigo inminente que corrían, trala lectura de Mein Kampf, de Hitler.[1][2][3]
Na Palestina administrada polo Reino Unido, Arie Kindler comezou a exercer traballos esporádicos, e a partir de 1938 serviu durante dez anos na organización paramilitar xudía Haganah.[4] Logo da súa incorporación ás Forzas de Defensa de Israel, Kindler seguiu a ser soldado e reservista ata 1975.[1][2][3]
Os intereses intelectuais de Kindler centrábanse nos estudos clásicos, sinaladamente a historia xudía. A principios da década de 1940, examinaba a oferta de moedas e outros obxectos arqueolóxicos dos vendedores ambulantes árabes nos mercados de Xerusalén. Como estudoso, centrouse na numismática e converteuse nun dos principais expertos na moeda asmonea.[1][2][3]
Logo de completar os seus estudos universitarios, acadou o doutoramento cunha tese acerca das moedas de Bosra,[1][5] na Universidade J. W. Goethe, de Frankfurt, e baixo a dirección de Maria Radnoti-Alföldi.[3][6]
De 1974 a 1988 Kindler foi profesor no Instituto Arqueolóxico da Universidade de Tel Aviv, e de 1981 a 1992 na Universidade Bar Ilan, de Ramat Gan.[1][5]
Desde 1962 ata a súa xubilación en 1997, Kindler foi o director e conservador do departamento de numismática do Museo Eretz Israel, de Tel Aviv, que conta cunha colección numismática á que o propio Kindler lle proporcionou arredor dun milleiro de exemplares. Baixo a súa dirección, a colección ampliouse nuns 80.000 obxectos, mediante doazóns, legados e adquisicións, e converteuse nunha das máis importantes de Israel.[1][2]
O 10 de maio de 1945, Kindler e outras persoas fundaron a sección numismática do Círculo de Afeccionados ás Antigüidades de Tel Aviv, que en novembro de 1947 se converteu na Sociedade Numismática de Israel, con Kindler como presidente temporal.[1][2]
Kindler foi tamén editor de 'Alon, a revista en hebreo da Sociedade Numismática de Israel, entre 1967 e 1973, e coeditor do Israel Numismatic Journal desde 1980.[1][5][7]
Arie Kindler faleceu o 23 de xullo de 2014 aos 94 anos.[1][2]
Ao longo da súa carreira académica, Kindler publicou máis de 200 artigos e colaboracións, e sete traballos monográficos sobre diversos temas de numismática, desde as emisións da Antigüidade ata as moedas bizantinas e do mundo islámico na Idade Media, pasando polas cuñaxes do Estado de Israel.[1][5][10][11]