Un sednoide é un obxecto transneptuniano cun perihelio maior de 50 UA e un semieixo maior maior de 150 UA.[1][2] Só se coñecen dous obxectos que pertenzan a esta categoría, (90377) Sedna e 2012 VP113, ambos con perihelios superiores a 75 UA,[3] mais sospéitase que hai máis. Estes obxectos atópanse fóra dunha fenda aparentemente case baleira do Sistema Solar a partir dunhas 50 UA e non teñen interacción significativa cos xigantes gasosos. Inclúense dentro dos obxectos separados.
Algúns astrónomos, como Scott Sheppard,[4] consideran que os senoides son obxectos da Nube de Oort Interior (OCOs), aínda que a nube de Oort interior, ou Nube de Hills, foi proposta orixinariamente polos astrónomos máis aló das 2000 UA, varias veces o afelio dos dous sednoides coñecidos.
As órbitas dos sednoides non se poden explicar por perturbacións dos xigantes gasosos[5] nin pola interacción coas mareas galácticas.[1] Se se formaron nas súas localizacións actuais as súas órbitas tiveron que ser circulares; do contrario a acreción (fusión de corpos máis pequenos con outros máis grandes) non sería posible debido a que as grandes velocidades relativas entre planetesimais tiñan que ser demasiado destrutivas.[6]
As súas órbitas elípticas actuais poden explicarse por varias hipóteses:
Nome | Diámetro (km) | Perihelio (UA) | Afelio (ua) | Descubridor | Ano | Imaxe |
---|---|---|---|---|---|---|
Sedna | 995±80 | 76,0917 | ≈ 936 | Michael E. Brown, C. Trujillo, D. Rabinowitz |
2003 | |
2012 VP113 | ~500 | 80,5 ± 0,6 | 446 ± 13 | Scott Sheppard, Chad Trujillo | 2012 |
Os dous sednoides, igual que todos os obxectos separados extremos (cun semieixo maior > 150 UA e perihelio > 30UA), teñen unha orientación similar (argumento do perihelio) de 0° (338°±38°). Isto non se debe a un nesgo na observación e é inesperado, xa que a interacción cos planetas xigantes debera ter argumentos do perihelio (ω) aleatorios. Isto suxire que pode existir no Sistema Solar exterior un perturbador masivo non descuberto.
Coñécense doce obxectos cun semieixo maior de máis de 150 UA, un perihelio máis aló de Neptuno, e un argumento do perihelio de 340°±55°.[10]
O 10 de novembro de 2015 informouse dun posible sednoide a 103 UA, pero está clasificado só como obxecto transneptuniano porque o seu arco de observación é moi curto para confirmar se o perihelio está fóra da influencia de Neptuno.[11]