No ámbito numismático, coñécese moeda provincial romana a emitida entre os anos 44a. de C. e 297da nosa era na área de influencia do Imperio Romano mais a nome ou por iniciativa das autoridades provinciais, sen un control directo do Imperio.[1][2] Con frecuencia, estas moedas supuñan, tanto nos seus deseños como na súa métrica, unha continuación das xa existentes nesas rexións con anterioridade á chegada do poder de Roma, aínda que habitualmente engadían o retrato do emperador romano ou algún sinal do seu poder.[3][4][5][6]
Cando unha rexión nova era asimilada pola civilización Romana, ás veces permitíase o mantemento en circulación das moedas locais preexistentes (no caso de as haber), por pura conveniencia. Ademais disto, algunhas das novas colonias recibían autorización para a cuñaxe de moedas de cobre, xa que as de prata (agás algunhas excepcións) e sobre todo as de ouro eran prerrogativa da capital do Imperio. Estas moedas provinciais eran maioritariamente utilizadas pola poboación local só para as pequenas transaccións cotiás, tendo en conta que o seu valor intrínseco era case sempre inferior ao do circulante imperial.
As moedas provinciais foron cuñadas maioritariamente en cobre e en billón e, en menor número, en prata, estas últimas baixo un control estrito de Roma. As emisións en prata e en billón eran máis características das rexións orientais do Imperio, e moi particularmente de Alexandría.
Cara ao ano 210a. de C., Roma controlaba todas das cidades establecidas por emigrantes e colonos gregos da rexión da Magna Grecia, e ao principio do século seguinte xa se notaba unha clara influencia romana na moeda emitida nesas antigas polis.[10] Tanto a iconografía e como o estilo das moedas cambiaran considerablemente, ata se considerar habitualmente como as primeiras mostras de moedas provinciais romanas.[11][12]
Durante a época imperial contabilízanse arredor de 600 obradoiros monetarios provinciais, establecidas ao longo de todo o Imperio, cunha maior concentración na zona oriental, aínda que tamén frecuentes en puntos como Hispania e a Galia.[13][14][15][16]
As principais cidades provinciais, como Corinto, Antioquía, ou Mesia, tiñan unha gran capacidade para a emisión de moeda destinada á circulación en toda a provincia, en tanto que outras, como Viminacium, realizaban simplemente pequenas tiraxes para a circulación local.[17][18]