![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de maio de 1952 Madrid, España ![]() |
Morte | 9 de xuño de 2005 (53 anos) Madrid |
Director de museo | |
![]() | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Española |
Educación | Universidade Autónoma de Madrid |
Coñecido por | - Estudos de numismática antiga. - Conservadora do Departamento de Numismática do Museo Arqueolóxico Nacional de España |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática, arqueoloxía e museística |
Ocupación | arqueóloga ![]() |
Empregador | Universidade Autónoma de Madrid Museo Arqueolóxico Nacional de España ![]() |
Lingua | Lingua castelá ![]() |
Premios | |
- (1991): Placa da Asociación Numismática Melillense. - (1992): Medalla Presidencial da Asociación Numismática Española. - (1994): Premio Javier Conde Garriga. - (2006): Premio Xavier Calicó. | |
![]() |
Carmen Alfaro Asins, nada en Madrid o 8 de maio de 1952 e finada o 9 de xuño de 2005, foi unha arqueóloga e numismática española.[1][2][3]
Foi vicepresidenta primeira da xunta directiva da Comisión Internacional de Numismática (CIN) e vogal da Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos (SIAEN) a partir de 1989.[1][3][4]
Alfaro obtivo a licenciatura na especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía en 1977, na Universidade Autónoma de Madrid. Durante o curso 1980-1981 realizou as prácticas profesionais de museos na sección de numismática e foi contratada polo Ministerio de Cultura o seguinte ano, cando preparaba a súa tese de doutoramento baixo a dirección de Gratiniano Neto, que presentou en 1983 baixo o título de Las monedas de Gadir/Gades.[1][2][4][5]
En 1984 ingresou por oposición no corpo facultativo de conservadores de museos e obtivo praza da sección de numismática do Museo Arqueolóxico Nacional; o ano seguinte pasou a ocupar a praza de conservadora xefa da sección e, a partir de 1989, foi a xefa do Departamento de Numismática e Medallística.[1][2][3][4]
Desde os seus postos no Departamento impulsou os traballos de modernización do museo. Cando Alfaro asumiu a xefatura da sección de numismática había máis de tres décadas que non se expuñan ao público as coleccións de moedas que alí se custoriaban. Ela iniciou unha nova fase de apertura; organizou numerosas exposicións para dar a coñecer os fondos ao público, facéndoo partícipe da importancia da moeda como documento histórico con múltiples lecturas.[6] Abriu as coleccións a investigadores e defendeu a localización da biblioteca de numismática dentro do propio departamento para que fose máis útil aos estudosos da moeda. Traballou a prol da protección do patrimonio numismático e estudou os fondos numismáticos da colección do museo, e deunos a coñecer a través da publicación de diversos catálogos.[1][2][4][7]
No seu labor de difusión fomentou o préstamo de obras e organizou exposicións temporais como La moneda, algo más que dinero (1996), Tesoros del Gabinete Numismático (1999), Dinero exótico (2001) ou Esto es dinero (2001). Tamén organizou conferencias, congresos e outros actos co fin de reactivar a presenza da colección numismática do museo nos circuítos científicos internacionais. Resultado disto foi o XIII Congreso Internacional de Numismática, do Consello Internacional de Numismática, celebrado en Madrid en setembro de 2003, a maior reunión científica internacional, da que Alfaro foi a responsable da redacción das actas, que xa non puido ver publicadas, ao falecer en 2005.[1][4][7][8]
Como investigadora, Alfaro centrou a súa atención na moeda da antigüidade e, en especial, nas cuñaxes feno-púnicas, en todos os seus aspectos, particularmente baseándose nas pezas pertencentes ás propias coleccións do museo.[9] Neste sentido, unha das súas achegas máis importantes foi a localización da ceca púnica de Tagilit (Almería). No entanto, tamén foron do seu interese outras temáticas como a historia do propio Museo Arqueolóxico Nacional, a circulación monetaria e as técnicas de fabricación da moeda.[1][2][7]
Varios dos catálogos de moeda hispánica do Museo Arqueolóxico Nacional publicados baixo a súa coordinación formaron parte da serie Sylloge Nummorum Graecorum; deste xeito, logrou que España participase nun proxecto internacional que é un referente esencial na investigación numismática da antigüidade.[1][2][7]
Alfaro é autora de máis de 60 artigos en revistas especializadas. Estes son algúns dos publicados ao longo da súa carreira no Boletín del Museo Arqueológico Nacional (ISSN 0212-5544):[10][11]
Carmen Alfaro foi merecedora de diversos galardóns, entre eles os seguintes:[1][4][12]