As cecas da Antiga Roma son os establecementos onde se cuñaban as moedas da Antiga Roma en tempos da República e, posteriormente, do Imperio Romano.
A multiplicación dos obradoiros monetarios imperiais foi un fenómeno que se produciu no baixo Imperio Romano, a partir da crise do século III. No entanto, cómpre non confundir esas cecas imperiais coas denominadas cecas provinciais romanas, onde se cuñaba moeda para a súa circulación en pequenas zonas do territorio do Imperio (moeda provincial romana), fundamentalmente de bronce, e que, coa reforma monetaria de Aureliano, foron abolidas.[1][2]
Baixo a República Romana, o primeiro obradoiro de cuñaxe de moeda xurdiu en 290 a. de C., no Capitolio de Roma, ao pé do templo dedicado á deusa Xuno Moneta, denominado en latín Aedes Iunonis Monetae (literalmente: "A casa de Xuno, que advirte"), baixo cuxa protección estaba a ceca.[3] De aí derivan as nosas palabras "moeda" ou "monetario".[4][5]
Os responsables da cuñaxe eran tres maxistrados que recibían a denominación de triumviri monetalis.[6] Desde esa localización primitiva, a ceca de Roma trasladouse a diversos lugares en sucesivas ocasións.[7] Coñécese que estivo instalada na terceira das 14 rexións en que se dividía a cidade, nos arredores do Coliseo, consonte consta nos Catálogos Rexionarios (Curiosum et Notitia Urbis Romae).[8] É probable que este traslado estea relacionado co grande incendio que no ano 80 arrasou o Capitolio. O arqueólogo Filippo Coarelli sostén que este obradoiro monetario estaría no antigo edificio cuxos restos están baixo a actual Basílica de San Clemente de Latrán.[9]
Durante o período republicano, a centralización foi unha máxima: unicamente Roma cuñaba a moeda romana. Dun xeito excepcional, existiron tamén obradoiros monetarios móbiles, con carácter itinerante, que acompañaron os exércitos romanos durante algunhas das súas campañas, como por exemplo as de Sila, Lúculo e Pompeio en Oriente, ou nas guerras civís declaradas por Xulio César.[10]
A partir da reforma monetaria de Augusto emprendida o 23 a. de C., o Senado romano pasou a encargarse da emisión das moedas de bronce, ás que se lles engadiu a marca SC, iniciais de Senatus Consultum, en tanto que a ceca imperial de Roma reservou para ela mesma o dereito da cuñaxe das moedas de prata e de ouro.[11]
A creación dunha segunda casa de moeda imperial de importancia en Lugdunum, que cesou a súa actividade no ano 78, constituíu unha excepción ao establecido na reforma, para cuxa explicación se debaten dúas hipóteses.[12] Algúns estudosos apuntan as enormes necesidades de diñeiro circulante nunha Galia que se acababa de conquistar, a máis poboada das provincias. A segunda hipótese, máis defendida, baséase en que a prolongada estadía de Augusto na Galia (entre o 15 e o 13 a. de C.) e a presenza próxima do exército no Rin, involucrado nas campañas da Xermania, poden xustificar a creación desta segunda ceca.[13]
Esta centralización non exclúe a existencia de pequenos obradoiros provinciais, principalmente en Hispania, no Oriente e en Nîmes, para a cuñaxe de moeda circulante de bronce de escaso valor, aínda que de peso elevado (un sestercio de bronce pesaba arredor de 25 g), restrinxida ao uso local.[14] Estas cecas locais foron cesando progresivamente a súa actividade, pasando de 161 en tempos de Augusto ás oito en Acaia e en Asia durante o período de Galba.[15]
A multiplicación das cecas imperiais foi un fenómeno característico da derradeira fase do Imperio Romano. A crise sucedida no terceiro século da nosa era e a conseguinte militarización provocaron unha primeira descentralización, feito que multiplicou o número de obradoiros monetarios radicados nas proximidades das zonas militarizadas, que tiñan grandes necesidades de moeda circulante. Ao mesmo tempo, a inflación galopante en Oriente obrigou a deter as emisións municipais nesa parte do Imperio.
De xeito marxinal, algúns movementos de usurpación característicos desta época provocaron a aparición de novos obradoiros monetarios de existencia efémera, como o de Ambianum (Amiens), a partir da usurpación de Magnencio, ou o de Rotomagus (Ruán), coa de Alecto.[16]
Coa reforma monetaria de Aureliano de 274 tratouse de frear a desvalorización da moeda actuando principalmente en dous sentidos: sobre os valores nominais e sobre a organización das cecas, que se engadiran á ceca principal de Roma.[1] Tratábase dunha serie reducida de cecas imperiais, creadas durante o período da crise do século III e que se situaran en lugares estratéxicos.[17] E se, por unha banda, isto favorecía o fortalecemento das cecas provinciais do imperio, para poderen operar con continuidade en lugar de ocasionalmente, por outra parte reduciu e envergadura da ceca de Roma, que ata ese momento dispuña dunha gran cantidade de traballadores e tiña unha estrutura difícil de manexar (pechou 7 dos 12 obradoiros dos que dispuña).[18]
Unha nova reforma monetaria, esta vez emprendida por Diocleciano a partir de 294 supuxo unha segunda onda de apertura de obradoiros monetarios espallados por varias provincias do Imperio, coa excepción de Hispania: Londinium (Londres), Cartago, Aquileia, Tesalónica, Nicomedia (Izmit) e Alexandría. E ademais, as sucesivas capitais imperiais da tetrarquía viron a apertura dalgunhas outras cecas suplementarias.[19]
As invasións do século V supuxeron, finalmente, a fin da actividade das cecas occidentais e da zona do Danubio.
Cada ceca podía ter un ou varios obradoiros concretos dedicados á produción de moeda. Para cuñar unha serie, nese obradoiro gravábanse primeiro as matrices e os cuños, un para o anverso, xeralmente coa imaxe do emperador, e outro para o reverso, dotado dun motivo e unha inscrición relativa, que logo se imprimían en ambas as caras do disco metálico un golpe de martelo.
A materia prima en estado bruto, é dicir, os metais destinados á posterior cuñaxe (o ouro, a prata, e o cobre e o estaño para o bronce) proviñan de minas situadas principalmente en Hispania e na Dacia (Transilvania), fontes que se esgotaron cara ao século II. Tamén obtiñan estes metais da fundición dos obxectos requisados durante as súas conquistas, aínda que esta fonte tamén se foi esgotando, logo da conquista da Dacia en 105. Así e todo, o déficit de metais preciosos durante a crise monetaria do século III superouse nos comezos do século IV polas confiscacións efectuadas ás expensas dos tempos, ao que se lle sumou a reciclaxe continua do circulante existente, mediante a súa refundición.
A partir dos abundantes exemplares coñecidos, a calidade da produción de moeda dos obradoiros romanos foi, en xeral, boa, malia algúns defectos habituais provocados durante a cuñaxe:
Os empregados das cecas romanas amosaban mestría nas técnicas de aliaxe do cobre e da prata. Coñecían as técnicas para crearen discos de aliaxes endurecidas destes metais e tamén para produciren moedas con baños de prata.[19] No século IV, a produción de sólidos de ouro estaba totalmente controlada antes da súa cuñaxe e alcanzaban unha precisión en peso de 1/10 de gramo en cada peza.
Nos séculos III e IV, a multiplicación do donativum[20] aos soldados con motivo de cada ascenso ao trono ou de diversos acontecementos salientables para o Imperio foron motivo, cada vez máis frecuentemente, para a emisión de novas moedas, en cuxos reversos se incluían mensaxes do que se podería denominar "propaganda imperial". A súa temática é absolutamente variada:
A partir de Aureliano, mediante símbolos, e continuando con Diocleciano, máis explicitamente con abreviaturas, cada obradoiro monetario marcaba, xeralmente no reverso, as moedas que producía mediante unha marca de ceca para que se coñecese a súa procedencia. Se unha ceca abranguía diversos obradoiros, normalmente cada un deles marcábase mediante unha letra clasificatoria, latina ou grega, colocada antes ou despois da marca de ceca. Este é o caso de A.L, B.L, C.L, D.L para os catro obradoiros da ceca de Lugdunum, ou a serie P, S, T, Q (iniciais de Prima, Secunda, Tertia e Quarta), utilizada noutras cecas. A letra de clasificación podía, así mesmo, atoparse no campo do reverso, á dereita ou á esquerda, acompañada en ocasións por algún outro símbolo como unha coroa, unha pola de loureiro ou unha estrela.[21]
No século IV, as marcas tornáronse máis complexas, co emprego de prefixos e de sufixos. Por exemplo, a ceca de Tesalónica, ademais das formas abreviadas TS ou TES pode empregar tamén:
Na ceca de Constantinopla, adoito marcada como CON ou CONS, engádese tamén nesta época a forma CONOB(RYZIACUS) para o caso das súas cuñaxes de ouro (sólidos).[24]
Na táboa seguinte amósase o conxunto de cecas activas durante o Baixo Imperio, así como a provincia á que pertence, o período de actividade e as súas marcas de ceca. Cómpre ter en conta que moitos destes obradoiros sufriron interrupcións na súa actividade, dependendo da situación política local:[25][26][27]
Ceca | Provincia | Período de actividade | Marca de ceca |
---|---|---|---|
Alexandria | Exipto | Logo de 294 (antes era ceca provincial) [28] | AL, ALE, ALEX, SMAL |
Ambianum (Amiens) | Gallia Belgica | 350-353 | AMB, AMBI |
Antioquia | Siria | Provincial antes de 240.[29]
Imperial de 285 ao s. VII [30] |
AN, ANT, ANTOB, SMAN |
Aquileia[31] | Italia | Ca. 294-452 [31] | AQ (AQuileia); SMAQ (Sacra Moneta AQuileiae); AQA (AQuileia, officina "A"?); AQB (AQuileia, officina "B"?); AQP (AQuileia Prima officina) ou AQUILP ou SMAQP; AQMOS (AQuileia Moneta Secunda officina) ou AQS ou AQUILS ou SMAQ ou SMAQS; AQT (AQuileia Tertia officina) ou AQG (numeral grego) ou AQUILT ou SMAT ou TAQ (outra forma para a terza oficina); AQOB (AQuileia OBrizyacum = "ouro puro"); AQPS (AQuileia PuStulatum = "prata pura"); AQUIL; unha aguia dentro dunha grilanda; COM OB AQ (COMes OBrizyacum AQuileiae = "a cargo do ouro puro"); MAQ (Moneta AQuileiae); AVIL. |
Arelate (Arles) | Gallia Narbonese | 313-475 | A, AR, ARL, CON, CONST, KON, KONSTAN |
Augusta Treverorum (Tréveris) | Xermania Inferior | 293-411 [32] | TRE, TROB, TR, ATR, STR, BTR, IITR, PTR, PTRE, SMTR, SMTRP, SMTRS, TRB, TRS, TRP, TROB, TRPS |
Barcino (Barcelona) | Hispania Tarraconensis | 409-411 | BA, SMBA (Sacra Moneta Barcino)[33] |
Camulodunum (Colchester) | Britannia | 286-296 (?) | C, CL, SP |
Carnuntum (Petronell-Carnuntum) | Pannonia | 260 | Imaxe de Regaliano e a súa muller, Sulpicia Dryantilla |
Carthago (Cartago) | África | 296- 311 [34] | K, KAR, KART, PK, PKG, PK?, PKA, PKB, PKP, PKS, PKT |
Colonia Agrippinensium (Colonia) | Xermania Inferior | 257- 274 [35] | ? |
Colonia Nemausa (Nîmes) | Galia Narbonensis | ||
Colonia Patricia (Córdoba) | Hispania Baetica | ||
Costantinopolis (Istambul) | Tracia | Logo de 330 | C, CP, CON, CONS, CONSP, CONOB |
Cyzicus (Cícico) | Asia | De 291 a Numeriano [18][36] | CVZ, CVZIC, CYZ, CYZIC, CVZICEN, K, KV, KVZ, KY, SMK |
Heraclea Sintica | Tracia | De 291 a León I | H, HER, HERAC, HERACI, HERACL, HT, SMH |
Londinium (Londres) | Britannia | Logo de 294 | AVG, AVGOB, AVGPS, L, LI, LN, LON, ML, MLL, MLN, MSL, PLN, PLON, |
Lugdunum (Lión) | Gallia Lugdunense | 15 a. C.-78 [37] | L, LG, LVGD, LVGPS, PLG, LA, LB, PL, LP |
Mediolanum (Milán)[39] | Italia | 259-274 [18][39]
291-327 [39] 352-404 (?) [39] 452-475 [39] |
MD, MED, MDOB, MDPS |
Mesambria | Tracia | ||
Nicomedia (Izmit) | Asia | Logo de 294 | MN, N, NIC, NICO, NIK, SMN |
Ostia | Italia | 308-313 | OST, MOSTA, MOSTB, MOSTC, MOSTD, POSTA, POSTB, POSTC, POSTD... [40] |
Ravenna (Rávena) | Italia | 402-455 [41] | RAV, RV, RVPS |
Roma | Italia | R, RM, ROM, ROMA, ROMOB, SMR, VRB | |
Rotomagus (Ruán) | Gallia Belgica | Fins do s. III | |
Sardis (Sardes) | Asia | ||
Segobriga (Saelices, Cuenca) | Hispania Tarraconensis | ||
Sirmium (Sremska Mitrovica) | Pannonia | 320-397 [42] | SIR, SIRM, SM, SIROB |
Siscia (Sisak) | Pannonia Savia | Ca. 262-387 | S, SIS, SISC, SISCPS |
Serdica (Sofía) | Tracia | 303- 308 [18][28] | SER, SERD, SD, SMSD |
Tessalonica (Tesalónica) | Macedonia | Ca. 302-S. VI [43] | SMTS, TS, TES, TESOB, TH, THS, THSOB, TS, TSA |
Ticinum (Pavia) | Italia | 274-327 [18][44] | T, TT, PT, ST, BT, QT |
Tomis (Constancia) | Moesia Inferior | TOM | |
Colonia Augusta Trevorum (Tréveris) | Xermania Inferior | 291-430 | TRE, TROB, TR, ATR, STR, BTR, IITR, PTR, PTRE, SMTR, SMTRP, SMTRS, TRB, TRS, TRP, TROB, TRPS |
Tripolis (Trípoli) | Siria | Con Aureliano [18] | ? |
Viminacium (Kostolac) | Mesia superiore | 239-Ca. 268 | COL, VIM |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cecas da Antiga Roma |