Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XIII Galicia |
Actividade | |
Ocupación | trobador |
Lingua | Lingua galego-portuguesa |
Fernan Padron foi un trobador galego[1] do século XIII, autor de composicións da lírica galego-portuguesa.[2][3] É mencionado no libro Os Trobadores de Víctor Balaguer.[4]
Polo nome, os investigadores deducen que provén de Padrón, localidade na que había unha liñaxe de cabaleiros denominados así.[5] Entre 1164 e 1178 aparece un Fernan Pais Padron nos documentos do mosteiro de Toxos Outos, así como nunha escritura onde aparecen nobres relacionados coa primeira xeración da lírica galego-portuguesa.[2] Con todo, pola zona que ocupa a súa obra nos cancioneiros, pertence á primeira metade do século XIII, polo que podería ser fillo ou neto do mencionado Fernan Pais Padron.[5]
Consérvanse 3 cantigas de amor recompiladas no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e Cancioneiro da Ajuda.[6] Nas cantigas ‘Nulh'home nom pode saber’ e ‘Vos meus olhos, que mia senhor’ emprega os ollos como pretexto para expresar o seu amor e o sufrimento que padece polo mesmo.[7][8][9]