Navia | |
---|---|
Praia de Samil en Navia. | |
Concello | Vigo[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°12′23″N 8°46′03″O / 42.20648587, -8.767417Coordenadas: 42°12′23″N 8°46′03″O / 42.20648587, -8.767417 |
Poboación | 6.269 hab. (2022) |
Entidades de poboación | 21[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Paio de Navia é unha parroquia do concello de Vigo. Limita coas parroquias de Alcabre, Comesaña e Coruxo e pertence ó arciprestado de Vigo-Santo André. Ten 12 entidades de poboación, 10 lugares e segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 6.269 habitantes (3.130 homes e 3.139 mulleres).
As súas entidades de poboación son as seguintes: A Devesa (316), A Gándara (181), Goberna (45), As Pereiras (510), As Pertegueiras (59), Quintela (90), O Redondo (362), Samil (191), A Tomada (125), A Torre (119), O Xuncal (192), As Teixugueiras (600). Os lugares (que xeralmente forman parte dalgunhas das entidades): A Barroca, O Bravo, O Cerqueiro, A Eira Vella, Ferreira, A Igrexa, O Lourido, O Outeiro, O Piñeiro e As Saíñas.
O seu xentilicio é navián[3].
Formou parte do Concello de Fragoso ata 1837, cando se integrou en Bouzas. Dende a década dos anos 70 experimentou un profundo desenvolvemento urbanístico concentrándose a poboación ao redor da Alameda de Emilio Crespo Cano, a urbanización Samil, e co desenvolvemento do PAU de Navia, na nova urbanización.
Entre os monumentos destacan o cruceiro da Devesa e os restos do Muíño do Vento, un dos escasos exemplos destas edificacións no sur de Galicia. Tamén ten interese o conxunto parroquial formado por templo en estilo barroco rural con campanario en espadana, adro, casa reitoral, casa da obra, cruceiro, palco da música e cemiterio histórico está incluído no Catálogo de Bens Culturais de Vigo. A igrexa nova de Navia, de 1969, foi concibida segundo os postulados da arquitectura moderna de Le Corbusier, e constitúe unha das obras máis destacadas do arquitecto Antón Román Conde, xunto coa igrexa dos Picos do Calvario.[4]
Na parroquia atópase a praia de Samil, un extenso areal de 3 quilómetros de lonxitude. Samil tamén é zona de expansión social e de lecer nocturno, cunha ampla zona de discotecas e pubs, e destino principal dos autobuses urbanos nocturnos (tamén chamados "búhos").
A principal entidade social da parroquia é a Asociación Veciñal de Navia, con sede na rúa Bravo nº6 e conta cunhas completas instalacións con auditorio e sala de conferencias onde se celebran eventos culturais, conferencias, cursos e proxeccións durante todo o ano. Tamén existe a Asociación Veciñal "Novo Vigo" que foi creada en 2011 para tódolos veciños do Pau de Navia. Destaca a existencia dunha emisora de radio veciñal, Onda Navia, que emite na frecuencia 106.10 FM.[Cómpre referencia]
Lugares da parroquia de Navia no concello de Vigo (Pontevedra) | |
---|---|
A Barroca | O Bravo | O Cerqueiro | A Devesa | A Eira Vella | Ferreira | A Gándara | Goberna | A Igrexa | O Lourido | O Outeiro | As Pereiras | As Pertegueiras | O Piñeiro | Quintela | O Redondo | As Saíñas | Samil | A Tomada | A Torre | O Xuncal |