Vicente de Zaragoza
Biografía
NacementoSéculo III ou IV en Huesca ou Zaragoza
PasamentoSéculo IV en Valencia
Proceso de canonización
Veneración
Festividade22 de xaneiro

San Vicente de Zaragoza, tamén coñecido como San Vicente de Huesca ou San Vicente Mártir,[1] e tamén coas variantes Vicenzo e Vicencio[1], foi un clérigo hispanorromano, diácono de San Valerio de Zaragoza.[1]

Segundo a tradición, Vicente foi acusado da predicación da fe e martirizado baixo o goberno de Diocleciano.

A persecución en Hispania

Non se sabe con certeza se naceu en Huesca ou en Zaragoza.[2] Durante a persecución de Diocleciano, Valerio, bispo de Zaragoza, e Vicente foron prendidos no ano 303 por orde do prefecto Publio Daciano, e trasladados a Valencia.[2] Valerio foi condenado ao desterro, mentres que Vicente sufriu o martirio. A súa morte produciuse en data imprecisa —a tradición asígnalle o 22 de xaneiro— no ano 304 ou 305.[2] De acordo á lenda, antes de morrer, fixo converterse ao cristinianismo o seu verdugo.

Martirio de Vicente

Imaxe de San Vicenzo, en Vimianzo, representado cun corvo ao seu carón.

Vicente foi colocado nun ecúleo.[2] Rompéronlle os brazos e as pernas, azoutárono, e abríronlle as carnes con uñas de garfos de aceiro.[2] Mais, sen conseguir os seus propósitos, Daciano ordenou que fose desollado e colocado nunha grella sobre brasas quentes e sal.[2] Foi guindado máis tarde a un alxube, onde morreu. O seu corpo foi abandonado nun vertedoiro (onde se levantaría unha ermida, hoxe parroquia de San Vicente Mártir en Benimámet), onde foi defendido por un corvo fronte á ameaza dun lobo. Daciano ordenou lanzar o seu cadáver ao mar cunha pedra de muíño, pero o corpo foi devolto á beira. Este foi recolleito e escondido pola comunidade cristiá.

Iconografía e culto

Adoita aparecer en pintura coas vestimentas do seu rango, acompañado por un corvo ou suxeito a unha moa de muíño ou unha grella. Estes símbolos fan referencia ao seu longo e atroz martirio.[2]

É patrón de 31 parroquias galegas coa variante San Vicenzo e de 67 coa variante San Vicente.

Cultura popular en Galicia

En Galicia, adoitábase invocar para a bendición da masa e do pan e, por tal motivo, era considerado patrón dos panadeiros[1]. Algunhas das frases empregadas son:

Véxase tamén

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Abad, Xoán C. (2022). In hac lacrimarum valle. Guía ilustrada para recoñecer os santos patróns dos templos da provincia de Pontevedra. Instituto de Estudos Vigueses.