Esta páxina contén políticas e normas oficiais da Galipedia. Ten unha ampla aceptación entre os editores desta Wikipedia e considérase un estándar que todos os usuarios deben seguir. Agás para edicións pequenas, por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nestas directrices. Esta política aprobouse nesta votación que tivo lugar desde o 30/10/2015 ata o 29/11/2015. |
En diversas ocasións, e con distintas finalidades, a Wikipedia ten servido como laboratorio de iniciativas e experimentos educativos en centros de ensino. É unha ferramenta útil para este propósito mais non está exenta dalgunhas dificultades e retos que se poden controlar coa axuda da comunidade.
Unha das fórmulas empregadas no pasado agrupaba o traballo de estudantes diversos baixo un mesmo nome común. A vantaxe disto era un maior control por parte do docente de canto se vai editando na Wikipedia, de maneira que a repercusión dos posíbeis danos, no caso de habelos, queda minimizada. Unha segunda vantaxe era que, en determinados contextos, os usuarios quizais son realmente múltiples pois traballan en equipo.
Porén, as regras xerais da Wikipedia sinalan que os usuarios colectivos representan problemas de xestión, que poden conducir a fraudes e vandalismos, polo que non están permitidas.
Por regra xeral, os e as estudantes que chegan á Wikipedia como parte dun proceso educativo traen canda si unha boa colección de erros de principiante, perfectamente explicables e razoables. Non obstante, asemade xeran considerable estrés e traballo extra para os demais usuarios, que advirten un aumento grande e súpeto do número de edicións con problemas. Ao mesmo tempo, para unha/un usuaria/o habitual é complexo lidar con estes erros. É verdade que son novatos, pero moitas veces tamén son nenos ou nenas. Polo xeral, en casos de usuarios claramente identificados como parte de centros de ensino ou proxectos particulares, os administradores deben tentar ser todo o pacientes e cívicos que sexa posible, para guiar a este tipo de usuarios da forma axeitada.
Porén, este tipo de edicións e proxectos adoita traer consigo un aumento do vandalismo por parte de usuarios non interesados na mellora da enciclopedia, que nos casos claros serán tratados da forma habitual.
Vas cometer algúns erros, pero é normal. Non perdas o acougo por iso. Os demais usuarios e usuarias estamos aquí para che botar unha man. Pídelle ao profesor ou profesora que vos coordina que vos explique as regras básicas sobre dereitos de autoría, e procura manter a amabilidade e o espírito de cooperación que preside a Wikipedia; unha boa actitude para coa comunidade é fundamental. Amais, ten en conta que: