Pazo de Findevila | |
---|---|
![]() | |
Concello | Santiago de Compostela |
Provincia | A Coruña |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°52′54″N 8°32′30″O / 42.88158333, -8.54155556Coordenadas: 42°52′54″N 8°32′30″O / 42.88158333, -8.54155556 |
Estilo arquitectónico | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O pazo de Fondevila é un pazo urbano situado no número 14 da rúa das Casas Reais de Santiago de Compostela, fronte da Capela de Ánimas.
A impresión de nobreza austera que presenta está acentuada polo lugar onde se ergue, na rúa das Casas Reais, que debe o seu nome aos varios edificios que alí existían, onde residía o alto clero de Santiago. Na actualidade, desas casas de nobres, ademais do pazo de Fondevila, só queda o Palacio Vello do Conde de Aranda, no que funcionou a primeira oficina do notariado de España.[1]
O pazo foi construído inicialmente en 1660 pola familia Sánchez Boado para a esposa do alcalde Pedro Varela Fondevila.[2] Pero o seu aspecto actual débese ao arquitecto Clemente Fernández Sarela, que o reconstruíu no ano 1760. O nome do pazo débese, pois, a Pedro Varela Fondevila que, ademais de alcalde, era irmán de Xoán Varela Fondevila, bispo auxiliar da arquidiocese compostelá e cuxo corpo repousa na Catedral.[3]
A estrutura do edificio responde á típica arquitectura palaciana do barroco compostelán.[2] É de planta rectangular e consta de tres andares. Destacan nel os seus dous balcóns, un no frontón superior, e o clásico balcón nobiliario da segunda planta. No nivel inferior hai tres posíbeis accesos ao interior do edificio. A decoración céntrase na esquina en chafrán do edificio, na que se pode ver baixo un frontón circular, un ostentoso escudo coas armas do seu primeiro propietario. Tamén é notábel o encadramento das fiestras e os balcóns voados.[4][5][6]
O pazo de Fondevila foi unha das residencias da nobreza que residía no centro histórico compostelán, de aí o propio nome da rúa na que está situado, aínda que co paso dos anos esta zona centro da cidade acabou quedando en desuso por parte da nobleza debido a que a zona se converteu en punto comercial preferente para os santiagueses. O seu último uso coñecido foi o de albergar a biblioteca da fundación dunha entidade financeira, a extinta Caja Madrid.[5][6]
Na actualidade o edificio non é visitábel, sendo de propiedade privada desde que foi comprado, en decembro de 2019, polo grupo de restauración "La Penela", polo que pronto volverá a recobrar a vida no seu interior, posto este grupo investidor presentou xa o proxecto ao Concello de Santiago de Compostela para abrir un restaurante de cociña galega neste espazo. «Encontramos o pazo en bastante bo estado, porque xa fora rehabilitado para os seus anteriores usos», dixo o xerente do grupo, que espera abrir este mesmo ano de 2021 para aproveitar o tirón do Xacobeo.[5][6][7][8]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pazo de Fondevila |