Convento de Santa Clara
Fachada da igrexa.
Datos xerais
PaísEspaña
RexiónGalicia
Tipoconvento de monxas clarisas de clausura
AdvocaciónClara de Asís
LocalizaciónSantiago de Compostela
Coordenadas42°53′07″N 8°32′26″O / 42.885277777778, -8.5405555555556Coordenadas: 42°53′07″N 8°32′26″O / 42.885277777778, -8.5405555555556
CatalogaciónMonumento Nacional
Culto
DioceseDiocese de Santiago de Compostela
Arquitectura
Construción1260, remodelación no século XVI, edificio actual dos séculos XVII e XVIII
ArquitectosDomingo de Andrade, Pedro Arén, frei Gabriel Domínguez e Simón Rodríguez
EstiloBarroco
editar datos en Wikidata ]

O convento de Santa Clara é un convento de clausura da orde das clarisas que se atopa na Rúa de San Roque, en Santiago de Compostela. O convento fúndase extramuros ao norte da cidade no ano 1260 grazas a doazóns da vila de Compostela e da dona do rei Afonso X o Sabio: Violante de Aragón. É o primeiro que as clarisas tiveron en Galicia. Foi fundado e impulsado por dona Violante, muller do rei Afonso X o Sabio, na segunda metade do s. XIII, polo que ten o título de "Real".

Sufriu diferentes modificación ao longo dos séculos, as primeiras no século XVI grazas ás doazóns da abadesa Isabel de Granada; e posteriormente nos séculos XVII e XVIII que lle deron o aspecto barroco actual. Nestes traballos participan os arquitectos Domingo de Andrade, frei Gabriel Domínguez, Pedro Arén e Simón Rodríguez.

Salienta a fachada da igrexa, obra de Simón Rodríguez, grande obra do barrroco compostelán[1].

O convento de Santa Clara foi declarado Monumento Nacional en 1940.

Descrición

Fachada

A fachada é obra de Simón Rodríguez en 1719, de estilo barroco compostelán, tamén chamado "barroco de placas" polas formas xeométricas puras que semellan superporse aos muros: un estilo imposto pola dureza do granito, que obriga a unha talla de formas rotundas.

Trátase dunha fachada cortina que dá paso a un pequeno xardín onde se agocha a verdadeira e sinxela fachada da igrexa. Como todo o convento realízase en cantaría de granito, en tres corpos e salienta polo seu gran dinamismo barroco debido ao xogo de luces e sombras provocado pola intensa decoración centrada da parte centra da mesma. Aparece un exceso de orixinal ornamentación, grandes cornixas, volutas, frontóns crebados e son moi característicos os grandes cilindros de pedra no bico da fachada, a xeito de bocois, que crean unha sensación de grande inestabilidade[1][2].

Interior

No interior chaman a atención os enreixados típicos da clausura. Na igrexa atópanse varios altares churriguerescos dedicados a santos franciscanos e o retablo maior barroco elaborado por Domingo de Andrade no ano 1700[2] no que se venera a Inmaculada Concepción, de gran devoción por clarisas e franciscanos. Tamén atopamos o púlpito de granito e os escudos do antigo edificio medieval. Os retablos do cruceiro dedícanse a Santo Antón de Padua e á Virxe.

Cultura

É tradicional crer, tanto en Santiago de Compostela coma noutras vilas coma Pontevedra, que para que o día da voda non chova, cómpre levar un cesto de ovos a un convento de clarisas.

No convento viven hoxe en día 13 monxas clarisas que, ademais das pregarias, encárganse de traballos a particulares, coma bordados ou pasar o ferro[3].

A igrexa é visitábel só antes e despois das misas. A misa é todos os días ás sete da tarde, e o rosario todos os días ás 18:30.

Galería de imaxes

Notas

  1. 1,0 1,1 Santa Clara en Turgalicia
  2. 2,0 2,1 Centro Virtual Cervantes (en castelán).
  3. Convento de Clausura de Santa Clara en Turismo de Santiago.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos