Hospital de San Roque de Santiago de Compostela
Claustro do Hospital
Edificio
LocalizaciónSantiago de Compostela
Coordenadas42°53′00″N 8°32′31″O / 42.883254, -8.541825Coordenadas: 42°53′00″N 8°32′31″O / 42.883254, -8.541825
editar datos en Wikidata ]
Portada do Hospital.

O Antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela é un edificio orixinario do século XVI, que foi reformado no XVIII.

Na actualidade, e tras da súa compra pola Xunta de Galicia e a súa rehabilitación a finais do século XX, o edifcio serve de sede a diversas institucións culturais da cidade.

Localización

[editar | editar a fonte]

Está situado no alto da rúa das Rodas, onde comeza a rúa de San Roque, no nº 2 desta rúa.[1]

Historia

[editar | editar a fonte]

Un hospital do século XVI

[editar | editar a fonte]

Terminado en 1583,[1] o hospital foi inaugurado en 1578 polo arcebispo Francisco Blanco para acoller aos afectados polas terríbeis epidemias de peste que asolaron a cidade no século XVI,[2] dedicándose a San Roque por ser este un dos santos máis invocados para protexer contra esta enfermidade.[1]

O deseño do edificio encargouse a Gaspar de Arce, mestre de obras da Catedral de Santiago. Da súa antiga traza só conserva a portada renacentista, xa que foi reedificado na segunda metade do século XVIII.[1] A súa estrutura conta cunha planta rectangular e un claustro.[2] Destaca pola súa gran sobriedade e as súas liñas simples. A fachada segue a estrutura dun arco de triunfo: sobre as pilastras toscanas levántase un arco de medio punto apoiado en impostas. A continuación, un entaboamento sobre o que se ergue un segundo corpo de menores proporcións. Remata cun frontón triangular sobre unhas delgadas pilastras que enmarcan dúas fornelas coas figuras dos santos Cosme e Damián, os imáns xemelgos que practicaban a medicina gratuitamente.[2]

Do interior cabe resaltar o fermoso claustro de dúas galerías, con catro arcos en cada lado que descansan sobre columnas dóricas.[1][2]

Igrexa do século XVIII

[editar | editar a fonte]

Formando conxunto co hospital, está a Igrexa de San Roque (ou Capela de San Roque), de planta tamén rectangular e de estilo barroco.[1]

No seu interior acolle un dos máis importantes retablos de Simón Rodríguez.[1]

En tempos modernos

[editar | editar a fonte]

Cando deixou de exercer a súa función hospitalaria foi convertido en residencia do bispo auxiliar da arquidiocese.[Cómpre referencia] Tras da súa adquisición pola Xunta de Galicia, o edificio foi sometido nos últimos anos do século XX a unha profunda rehabilitación e adaptación funcional, a fin de dotalo de espazos adecuados para os depósitos bibliográficos e o desenvolvemento de actividades de carácter científico e cultural. As novas instalacións foron inauguradas o 14 de febreiro de 2001.[3]

Na actualidade serve de sede a diversas institucións culturais da cidade: a Secretaria Xeral de Política Lingüística, o Centro Ramón Piñeiro;[2] desde o ano 2002 acolle tamén ao Instituto Padre Sarmiento (C.S.I.C.),[3] e desde a súa fundación, en 2004, é a sede da Real Academia de Farmacia de Galicia.[4]

No seu interior pódese ver a maqueta da Cidade da Cultura, de Peter Eisenman. Deixando a un lado o seu pequeno xardín, chégase ao conxunto formado polas contrastadas arquitecturas do Centro Galego de Arte Contemporánea e do Convento de San Domingos de Bonaval, que conforman un estreito pasadizo a través do que se accede ao parque de San Domingos de Bonaval.[5]

Notas

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Antiguo Hospital e Iglesia de San Roque en Santiagoturismo.com.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Antigo Hospital de San Roque, en Turismo.gal.
  3. 3,0 3,1 CSIC. Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Edificio.
  4. Decreto 156/2004, do 1 de xullo, polo que se acorda a creación da Academia de Farmacia de Galicia Arquivado 31 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine..
  5. Conventos del Carmen y de Santa Clara y Antiguo Hospital de San Roque en Santiagoturismo.com.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]