O esporocarpo é o corpo frutífero dos fungos. É unha estrutura pluricelular onde se orixinan estruturas que producen esporas coma os basidios e os ascos. O corpo frutífero é parte da fase sexual do ciclo vital dun fungo, mentres o resto do seu ciclo está caracterizado polo crecemento dun micelio vexetativo e mais pola produción asexual de esporas.
O esporocarpo dun basidiomiceto coñécese co nome de basidiocarpo, mentres que o corpo frutífero dun ascomiceto recibe o nome de ascocarpo. Hai un rango significativo de formas e morfoloxías tanto nos basidiocarpos coma nos ascocarpos; estas características son importantes para a identificación e taxonomía dos fungos. Os corpos frutíferos chámanse epixeos (epigeus) se medran no chan, como fan os cogomelos correntes, mentres que o grupo chamado hipoxeos (hypogeus) medran por baixo do chan, no solo, coma as trufas.
O corpo frutífero máis grande coñecido era un espécime de Fomitiporia ellipsoidea atopado na illa Hainan. Medía 1.085 cm de longo e pesaba uns 400–500 kg.[1][2]
Terminoloxía | |
---|---|
Especies | Agaricales (Agaricus: bóla de neve, champiñón común, fungo dos lameiros), Amanita (amanita branca, amanita dos Césares, cacaforra da morte, cacaforra dourada, francesiña, rebentabois), Boletus, cantarela, carallán, cerrote, cogomelo dos lamigueiros, cornizó, feixó do demo, fungato, matacandil, mildio, netorra, níscaro, oídio, pé azul, peido de lobo, pleuroto, ratiño, tortullo, trufa |
Taxonomía e recursos |