|
|
Clorofila c3 | |
---|---|
Propiedades | |
Fórmula molecular | C36H28MgN4O7 |
Masa molar | 652,94 g mol−1 |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
A clorofila c é un tipo de clorofila, que funciona como pigmento fotosintético, e encóntrase en certas algas mariñas, entre as que están as Chromista fotosintéticas (por exemplo, as diatomeas e as algas pardas) e os dinoflaxelados.[1][2][3]
Ten unha cor verde-azulada e é un pigmento accesorio, que é especialmente importante na absorción de luz na rexión dos 447-452 nm.[3] Igual que as clorofilas a e b, axuda ao organismo a captar a luz e pasa cuantos de enerxía de excitación a través das antenas captadoras de luz dos fotosistemas ata o centro de reacción fotosintético. A clorofila c ten características pouco comúns porque ten unha estrutura cun anel de porfirina e carece da cola isoprenoide ou do anel D reducido, que son características típicas doutras clorofilas máis comúns de algas e plantas.[2]
A clorofila c pode aparecer en varias formas chamadas clorofilas c1, c2[3] e c3,[4] ademais de polo menos outros 8 subtipos atopados recentemente.[5]
A clorofila c1 é unha forma común de clorofila c, que se diferencia da clorofila c2 no seu grupo C8, ao ter alí un grupo etilo en vez dun grupo vinilo (un enlace simple C-C en vez dun dobre enlace C=C). O seu máximo de absorción está arredor de 444, 577, 626 nm en dietil éter e de 447, 579, 629 nm en acetona.[6]
A clorofila c2 é a forma máis común de clorofila c.[7] O seu máximo de absorción está arredor de 447, 580, 627 nm en dietil éter e de 450, 581, 629 nm e acetona.[6]
A clorofila c3 é unha forma de clorofila c que se atopou na microalga Emiliania huxleyi, identificada en 1989.[4] O seu máximo de absorción está arredor de 452, 585, 625 nm en dietil éter e de 452, 585, 627 nm en acetona.[6]