A reforma monetaria de Augusto, levada a cabo por este emperador romano entre o 23 e o 20 a. de C., foi unha das máis importantes reorganizacións do sistema monetario da Antiga Roma, que fixaba as equivalencias entre as unidades de ouro (áureo), de prata (denario) e de oricalco (sestercio), e que permaneceu vixente case sen alteracións durante as dúas centurias seguintes.[1][2][3][4]
Logo da batalla de Accio, Octaviano logrou en 30 a. de C. a anexión de Exipto, completando así a unificación de toda a conca mediterránea baixo o poder de Roma. Á parte da evidente significación política deste feito, os importantes botíns que a Roma lle reportaba esta nova provincia, xunto coa rica minaría de Hispania, chegaron a provocar un exceso de masa monetaria en circulación.[5][6]
No marco dunha ampla reorganización de todos os sectores da Res publica romana para os acomodar á nova situación socio-económica, caracterizada polo renacemento da economía e do comercio en toda a área mediterránea e en todo o Imperio, cumpría tamén dotarse de novos instrumentos financeiros e monetarios, que se plasmaron nunha reforma monetaria baseada na fixación dunha equivalencia da moeda de ouro, o áureo (1/42 da libra), con 25 denarios de prata e 100 sestercios de oricalco.[7][8][9][10]
As novidades principais foron as seguintes:
A reforma "cuadrimetálica" de Augusto garantía unha produción de moeda máis estable e máis aberta ás novas rutas comerciais, grazas en parte ao aumento progresivo da cantidade de moedas feitas en aliaxes de cobre.[5][15]
En ouro cuñouse o áureo e o quinario, este último coa metade de valor e que ata a data fora cuñado só esporadicamente; en prata emitíronse denarios, que se converteron na base do sistema monetario durante toda a duración do Imperio, e tamén quinarios, coa metade do seu valor; os sestercios e os dupondios cuñáronnse en oricalco, unha aliaxe de cobre, estaño e, ás veces, outros metais; e, finalmente, en cobre cuñáronse o ás, o semis e o cuadrante, que anteriormente se fabricaran en bronce.[16][17]
Nos áureos e nos denarios o contido de metal nobre era practicamente o 100 %, o que coñecemos tanto polas fontes clásicas como a partir das análises realizadas con metodoloxía moderna. O peso teórico do áureo de época augústea era de 1/42 libra (7,79 gramos) e mesmo se chegaba a pesos superiores en moedas reais (7,86-7,98 gr), en tanto que o do denario era de 1/84 libra (3,892 gr).[15][18]
A reforma de Augusto tamén se caracterizou pola aparición do oricalco, que fixo do sestercio, cun peso dunha onza (en torno aos 27 gr) a moeda máis importante das cuñadas en aliaxes de cobre. Con esa mesma aliaxe cuñáronse tamén os dupondios, cun peso de media onza (13,65 gr).[18][19]
Entre as moedas de cobre, o peso do ás era duns 10,90 gr e o dos cuadrantes de arredor de 3,24 gr.[18][15]
As novas referencias ponderais proporcionaron un sistema moi preciso e rigoroso de proporcións entre as diversas denominacións, sobre a base dun áureo de 25 denarios, e un denario de 16 ases ou catro sestercios.[18][20]
Valores da reforma de Octavio Augusto | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Áureo | Quinario (AU) | Denario | Quinario (AG) | Sestercio | Dupondio | Ás | Semis | cuadrante | |
Áureo | 1 | 2 | 25 | 50 | 100 | 200 | 400 | 800 | 1600 |
Quinario áureo | 1/2 | 1 | 12 1/2 | 25 | 50 | 100 | 200 | 400 | 800 |
Denario | 1/25 | 2/25 | 1 | 2 | 4 | 8 | 16 | 32 | 64 |
Quinario de prata | 1/50 | 1/25 | 1/2 | 1 | 2 | 4 | 8 | 16 | 32 |
Sestercio | 1/100 | 1/50 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 | 4 | 8 | 16 |
Dupondio | 1/200 | 1/100 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 | 4 | 8 |
Ás | 1/400 | 1/200 | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 | 4 |
Semis | 1/800 | 1/400 | 1/32 | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 |
Cuadrante | 1/1600 | 1/800 | 1/64 | 1/32 | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 |