Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2015.)
Antigo ximnasio de Sardes
Localización de Sardes en Anatolia

Sardes (Σάρδεις o Σάρδις) foi unha cidade de Asia Menor, capital do reino de Lidia, dos sátrapas persas, de Antígono, dos sátrapas seléucidas e capital rexional cos romanos. Estaba situada ao pé da vertente norte do monte Tmolo, preto do río Hermo e á beira do seu afluente, o Pactolo que pasaba pola cidade.

Historia

[editar | editar a fonte]

Converteuse en capital do reino de Lidia en tempo do rei Meles, que a fortificou, e probabelmente non existía desde moito antes. O rei Candaules, sucesor de Meles, xa residiu nela. Era de construción sinxela, con moita madeira, e incendiouse varias veces. Tiña unha acrópole nunha rocha inaccesíbel rodeada dunha tripla muralla. Durante o reinado de Ardis foi toma polos cimerios, que non puideron conquistar a cidadela. Converteuse nunha próspera cidade en tempo do rei Creso.

Eliminada a dinastía lidia, Sardes convértese ne capital dunha satrapía persa sobre o -540. Durante a revolta dos xonios dirixida por Aristágoras e Histieo (-499), os xonios, con axuda de naves de Atenas ocuparon toda a cidade menos a cidadela, defendida por Artafernes e a gornición persa. A cidade incendiouse accidentalmente e os xonios e atenienses retiráronse. Sardes foi reconstruída. O rei de Persia, en represalia, declarou a guerra a Atenas. Xerxes I pasou en Sardes o inverno anterior á invasión de Grecia.

Ciro o Mozo reuniu as forzas militares contra o seu irmán Artaxerxes II. Despois da vitoria de Alexandre o Grande en Gránico (-334), Sardes rendeuse sen loita, e, en agradecemento, o rei macedonio deu aos seus habitantes a liberdade e a facultade de restauraren as súas antigas leis e institucións.

Despois da morte de Alexandre, Sardes quedou en posesión de Antígono o chosco. Despois da súa morte na batalla de Ipsos (-301) pasou a mans de Lisímaco de Tracia, e o -282 dos seléucidas, ata que o -222 Aqueo, parente do rei seléucida Antígono III o grande e gobernador da Asia Menor, actuou alí como rei e se cadra mesmo tomou o título real. Antíoco o Grande asediou a Aqueo na cidade durante un ano ata que o cretense Lagoras escalou as murallas por un punto sen vixilancia e puido ocupar a cidade (-214), que quedou moi danada e parcialmente destruída. Despois da derrota do seléucida Antíoco en Magnesia do Sípilo, Sardes quedou no poder de Roma, quen renunciou o ano seguinte no tratado de Apamea (-188) en favor do Reino de Pérgamo, do que volveu a Roma o -133 e formou parte da provincia de Asia.

Durante o reinado de Tiberio foi destruída por un terremoto (ano 17) e o emperador fíxoa reconstruír. Despois foi unha cidade media de provincia, onde entrou pronto o cristianismo e onde se celebraron algúns concilios, continuando mantendo un certo nivel de prosperidade.

Foi capital dun convento xurídico de Asia, e despois capital da provincia de Lidia (294) converténdose en sede dun bispo metropolitano.

Permaneceu baixo dominio bizantino ata o comezo do século XIV. O 1301 producíronse os primeiros ataques turcománs e o 1306 pasou a estes por tratado. O 1402 foi destruída por Tamerlán.

Unha cidade moderna xurdida nas inmediacións porta o nome de Sart. As ruínas consisten nun estadio, un teatro, e unha tripla muralla da acrópole coas torres máis altas. Non lonxe da cidade estaba o sepulcro do rei Aliates.

A cidade deu nome á comarca, que se chamou Sardiene (Σαρδιανὸν πεδίον).

Serían nativos de Sardes o poeta Alcmán, que viviu en Esparta, dous retóricos de nome (ambos) Diodoro, e o historiador Eunapio.