Luc Montagnier, nado en Chabris o 18 de agosto de 1932 e finado en Neuilly o 8 de febreiro de 2022, foi un virólogo francés.[1] Realizou o seu doutoramento en medicina pola Universidade de Poitiers, e en 1967 iniciou as súas investigacións en viroloxía. En 1972 foi nomeado xefe da Unidade Oncolóxica Viral do Instituto Pasteur, e en 1974 foi designado tamén director do Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS). En 2008 obtivo o Premio Nobel de Medicina, xunto a Françoise Barré-Sinoussi, polo descubrimento do virus de inmunodeficiencia humana (VIH), causante da sida; devandito galardón foi compartido con Harald zur Hausen, quen foi premiado polo descubrimento dos virus do papiloma humano que causan cancro cervical.[2]
En 1983 o equipo do que formaba parte describiu e identificou o que foi un dos maiores descubrimentos das últimas décadas do século XX: o virus VIH causante da sida, apenas pouco despois de que esta síndrome fose recoñecida como unha nova entidade patolóxica en 1981. O virus foi chamado inicialmente virus asociado á linfomadenopatía (LAV). Un ano despois o equipo do estadounidense Robert Gallo confirmou o descubrimento do virus e que este era o causante da sida. O virus foi renomeado virus T-linfotrópico tipo III (HTLV-III).[3]
Durante moitos anos houbo unha forte disputa sobre se o primeiro en illar o virus fora Montagnier ou Gallo. En novembro de 1990, a Oficina de Integridade Científica dos Institutos Nacionais da Saúde tentaron clarificar o asunto designando unha comisión que analizase as mostras almacenadas no Instituto Pasteur e no Laboratorio de Bioloxía de Células Tumorais do Instituto Nacional do Cancro entre 1983 e 1985. O grupo, liderado por Sheng-Yung Chang, concluíu que o virus de Gallo proviña do laboratorio de Montagnier. Chang concluíu que o virus do grupo francés contaminara un cultivo do que o grupo de Montagnier enviara unha mostra a Gallo, e á súa vez contaminou os cultivos en que Gallo estaba a traballar.[4]
Hoxe en día recoñécese que o grupo de Montagnier foi o primeiro en illar o virus VIH, mais que o grupo de Galo foi o que demostrou que o virus causa a sida e foi responsable de gran parte do desenvolvemento científico que fixo posible o descubrimento, incluíndo unha técnica desenvolvida previamente por Gallo para o cultivo de células T en laboratorio.[5]
No número de 29 de novembro de 2002 de Science, Gallo e Montagnier publicaron unha serie de artigos, un deles asinado por ambos, en que recoñecen as achegas fundamentais que cada un tivera no descubrimento do VIH.[6]
Montagnier recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, compartido con Robert Gallo, no ano 2000 e o Premio Nobel de Medicina en 2008 compartido con Harald zur Hausen e Françoise Barré-Sinoussi.[2]
No seus últimos anos algunhas declaracións de Luc Montagnier foron polémicas como a recomendación dada en 2002 ao papa Xoán Paulo II de tratar o párkinson con papaia fermentada,[7] a idea de que a dieta africana favorecía a difusión da sida,[8] ou a defensa da "pista microbiana" como causante do autismo e da homeopatía.[9][10] O seu escepticismo sobre as vacinas foi denunciado en 2017 por máis de cen académicos franceses, que cualificaron as súas posicións como "perigosas".[11] En abril de 2020, ao comezo da pandemia de covid-19, Luc Montagnier considerou que se trataba dun virus creado nun laboratorio a partir do VIH, algo que foi criticado pola comunidade científica.[12] Todas estas controversias lastraron o seu prestixio científico.[13][14][15]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luc Montagnier ![]() |
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Francia |