Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de marzo de 1981 (43 anos) Distrito dos Lagos, Reino Unido |
Datos persoais | |
Educación | University of Central Lancashire (pt) |
Actividade | |
Ocupación | escultor , stampcutter (en) |
Empregador | Royal Mint |
Jody Clark, nado en Lake District, Cumbria, o 1 de marzo de 1981, é un ilustrador e gravador británico que traballou para a Royal Mint. Foi o autor do quinto e derradeiro retrato da raíña Isabel II que figurou nas moedas da libra esterlina, e o sexto e derradeiro que figurou nas moedas do dólar australiano.
Jody Clark, nado en Lake District o 1 de marzo de 1981, cursou os seus estudos superiores na Universidade de Lancashire Central en Preston, Lancashire.[1]
Antes da súa vinculación coa Casa da Moeda de Londres, Clark traballou no deseño asistido por computador de envases comerciais e noutros proxectos de deseño e ilustración,[2] como creador independente.[1][3]
A súa incorporación á Royal Mint produciuse en setembro de 2012, e nesta institución traballou en varios proxectos de medallas e moedas do Reino Unido e doutros territorios da Commonwealth. Tamén se lle encomendou a súa participación no deseño de moedas para outros estados, como Tanzania, Costa Rica, Lesoto ou Acerbaixán.[4]
En 2015, cando só levaba dous anos na Royal Mint, Clark participou cun proxecto anónimo nun concurso para o deseño dun retrato actualizado da raíña, que sería o quinto do seu reinado, en substitución do creado por Ian Rank-Broadley en 1997. Partindo dalgunhas fotografías que se lle tomaran á raíña para a realización de esculturas, Clark creou varios esbozos ata conseguir o definitivo que presentou ao certame: unha raíña con trazos de ancianidade —tiña 88 anos naquel momento—, ollando cara á dereita e co mesmo diadema que lucía o día da súa coroación. [5]Ao ser elixida a súa proposta, Clark converteuse no deseñador máis novo ata a data en crear un retrato da raíña para unha moeda, e tamén o único en máis de 100 anos que o logrou sendo un gravador da propia casa da moeda.[1][3][6][7]
O retrato definitivo creouse por primeira vez utilizando exclusivamente software de deseño asistido por computador para converter os esbozos de Clark no modelo de baixorrelevo requirido, sen que se utilizase escultura manual.[3] A produción das moedas co deseño do anverso de Clark comezou o 2 de marzo de 2015 e as moedas foron postas en circulación ao longo dos meses, cara á fin dese mesmo ano.[4][6] A produción continuou ata a morte da monarca en 2022, cunha tiraxe total con esta efixie que supera os 2.700 millóns de exemplares cuñados.[7]
Posteriormente, a Royal Mint encomendoulle a Clark o deseño dunha serie de moedas conmemorativas de investimento sobre as Bestas da Raíña —as dez criaturas máxicas que gardaban a entrada da Abadía de Westminster na coroación de Isabel II en 1953—. Esta colección comezou o seu lanzamento en febreiro de 2016 e componse de dez reversos, asociados ao anverso da raíña de Clark; tivo varias emisións ata 2021, con valores de 5 e de 10 libras en prata; de 25 libras en ouro; e de 100, de 200, de 500 e de 1.000 libras en ouro e en platino.[8]
Predecesor: Ian Rank-Broadley |
Moedas da libra esterlina Autores dos anversos 2015-2022 |
Sucesor: Martin Jennings |