Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de decembro de 1937 (86 anos) Xerusalén |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino Unido |
Educación | Camberwell College of Arts (en) |
Actividade | |
Ocupación | escultor |
Lingua | Lingua inglesa |
Raphael David Maklouf, nado en Xerusalén o 10 de decembro de 1937, é un escultor británico de orixe palestina, coñecido por ser o autor dunha efixie de Isabel II utilizada en numerosas moedas británicas e doutros territorios da Comonwealth entre 1985 e 1997.
Raphael Maklouf naceu en Xerusalén, no seo dunha familia xudía do Mandato Británico de Palestina que emigrou ao Reino Unido despois da segunda guerra mundial. Raphael Maklouf asistiu á Escola de Arte de Camberwell, en Londres, desde 1953 ata 1958, onde tivo como profesores a Karel Vogel, Richard Eurich e Gilbert Spencer, e despois converteuse en profesor de Escultura durante dez anos, entre 1958 e 1968.[1][2][3]
Como escultor, é coñecido polo seu conxunto escultórico que representa as quince estacións do Viacrucis na catedral de Brentwood. Tamén creou esculturas de retrato de personaxes como a raíña Isabel II,[4] o príncipe Filipe de Edimburgo,[5] a política Margaret Thatcher, a actriz Joan Collins ou o futbolista Bobby Moore.[3]
Por outra parte, nun certame no que 17 artistas presentaron 38 modelos, o 8 de agosto de 1984 foron seleccionados dous dos deseños propostos por Maklouf para a moeda británica, un para as pezas de circulación ordinaria e outro para as emisións conmemorativas. O seu deseño do busto diademado da raíña Isabel II —coñecido como o "terceiro retrato" da raíña— utilizouse nas moedas non só británicas, senón doutros territorios da Commonwealth desde 1985 ata 1997.[1][6][7] As súas iniciais, RDM, están gravadas a modo de marca de gravador na base do pescozo da raíña.[2]
En 1976, Maklouf fundou a compañía The Tower Mint Ltd., unha ceca privada sita en Londres que produce medallas, moedas para coleccionistas e artigos similares. O 1 de abril de 2017, Tower Mint converteuse na compañía cuñadora oficial das moedas da Illa de Man.[8] Tamén cuña moedas para Xibraltar e outros territorios.[1]
En 1977 ingresou na Royal Society for the Encouragement of Arts, Manufactures and Commerce. En 1979, Maklouf foi nomeado membro asociado da Real Sociedade de Escultores Británicos.[1] Tamén é membro da Royal Society of Arts.[2]
Predecesor: Arnold Machin |
Moedas da libra esterlina Autores dos anversos 1985-1997 |
Sucesor: Ian Rank-Broadley |