A lista de Schindler | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Schindler's List |
Director | Steven Spielberg |
Produtor | Steven Spielberg Gerald R. Molen Branko Lustig |
Guión | Steven Zaillian |
Baseado en | Schindler's Ark de Thomas Keneally |
Intérpretes | Liam Neeson Ben Kingsley Ralph Fiennes Caroline Goodall Jonathan Sagall Embeth Davidtz |
Música | John Williams |
Fotografía | Janusz Kamiński |
Montaxe | Michael Kahn |
Estudio | Amblin Entertainment |
Distribuidora | Universal Pictures |
Estrea | 30 de novembro de 1993 |
Duración | 195 minutos |
Orixe | Estados Unidos |
Orzamento | $22 000 000[1] |
Recadación | $321 200 000 |
Na rede | |
http://www.universalstudiosentertainment.com/schindlers-list/ | |
A lista de Schindler (en inglés: Schindler's List) é un filme de 1993 baseado no libro Schindler's Ark de Thomas Keneally (o libro foi máis tarde renomeado como Schindler's List). Dirixido por Steven Spielberg, relata a historia de Oskar Schindler, un checo que foi instrumento para salvar a vida de máis de mil xudeus polacos durante o Holocausto. O título refírese á lista de 1 200 xudeus que Schindler contratou para traballar na súa fábrica, quitándoos do campo de concentración.
A maior parte do filme foi producido en branco e negro (con cores no prólogo e no epílogo e unha cor vermella en dúas escenas). Está protagonizado por Liam Neeson como Oskar Schindler, Ben Kingsley como Itzhak Stern e Ralph Fiennes como Amon Goeth. O seu subtítulo é "Quen salva unha vida salva o mundo enteiro", unha cita do Talmud. Foi aclamado pola crítica, o filme gañou fama polo seu detalle gráfico da horrible brutalidade do holocausto. Nomeado a doce Óscars, gañou sete, incluíndo o de Mellor Filme e Mellor Director para Steven Spielberg.
Segunda guerra mundial (1939-1945). Oskar Schindler (Liam Neeson), un home de enorme astucia e talento para as relacións públicas, organiza un ambicioso plan para gañar a simpatía dos nazis. Despois da invasión de Polonia polos alemáns (1939), consegue, grazas ás súas relacións, a propiedade dunha fábrica de Cracovia. Alí emprega a centos de operarios xudeus, cuxa explotación faino prosperar axiña. O seu xerente (Ben Kingsley), tamén xudeu, é o verdadeiro director na sombra, pois Schindler carece completamente de coñecementos para dirixir unha empresa.