![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de xuño de 1930 ![]() A Pobra de San Xiao, España ![]() |
Morte | 9 de xullo de 2022 ![]() Barcelona, España ![]() |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España ![]() |
Actividade | |
Campo de traballo | Tradución, crítica literaria e Filoloxía románica ![]() |
Ocupación | catedrático , romanista , crítico literario , tradutor , profesor universitario ![]() |
Empregador | Universidade de Barcelona ![]() |
Membro de | |
Lingua | Lingua catalá, lingua castelá e lingua galega ![]() |
Premios | |
![]() ![]() ![]() |
Basilio Losada Castro, nado na Pobra de San Xiao (Láncara) o 20 de xuño de 1930 e finado en Barcelona o 9 de xullo de 2022,[1][2] foi un tradutor galego, crítico literario, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Barcelona desde 1986 e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa, e antes profesor noutros moitos centros universitarios.
Saíu de Galiza cando tiña 5 anos e pasou a vivir en Madrid, León e, a partir de 1939, Barcelona,[3] onde chegou coa súa familia para visitar a seu pai que estaba, alí, hospitalizado. Malia que seu pai era anarquista, tivo que loitar durante a Guerra civil no bando nacional, foi ferido na cabeza e morreu en 1940.[4] Dende ese momento, o resto da familia, e el, permaneceron en Barcelona e alí, Losada, desenvolveu a práctica totalidade da súa carreira profesional.
En Barcelona estudou Dereito e Filosofía e Letras e fixo o doutoramento en Historia.[3]
Fixo traducións ao castelán e ao galego, e foi autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira. Traduciu 150 libros en sete linguas,[5] de autores como Jorge Amado, José Saramago, Rosalía de Castro, Rubem Fonseca ou Pere Gimferrer. Foi o introdutor da literatura brasileria e especialmente de Jorge Amado en España.[4]
Xubilouse como catedrático no ano 2000, aínda que segue impartindo clases nos programas de diversas universidades norteamericanas na UB. Aos setenta anos publicou o seu primeiro traballo de ficción, a novela La peregrina (traducida ao italiano por Giuseppe Tavani), ambientada na Idade Media, período no que foi un grande experto.
En 1991 recibiu o Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento, de Saramago.[4] Recibiu ademais a Creu de Sant Jordi, da Generalitat de Cataluña;[6] a Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, que outorga o goberno portugués;[6] a Ordem do Cruzeiro do Sul, do Brasil; e a Medalla Castelao (1989) e a Medalla de Galicia (2016) da Xunta de Galicia. En 2012 recibiu o Premio Otero Pedrayo.[7]
En marzo de 2015 foi nomeado académico de honra pola Real Academia Galega[8]. Nese mesmo ano obtivo o XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País.[9] No 2018, recibiu o Premio Eduardo Lourenço do Centro de Estudios Ibéricos.[10][4]