Wikipedia:Babel | |||
| |||
| |||
| |||
| |||
| |||
| |||
| |||
|
Estevoaei é o meu nome de usuario na Galipedia, onde colaboro de forma activa desde agosto de 2007. Chámome Adrián Estévez, son de Pontevedra e traballo na Coruña. Vivín tamén en Cangas, San Xurxo de Sacos, Santiago de Compostela, Figueirido e A Gudiña.
Fixen o Bacharelato no IES Sánchez Cantón. Estudei un ciclo superior de artes gráficas, fixen a diplomatura de Maxisterio de Primaria na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, e despois rematei o grao en Lingua e literatura galegas na USC. Ao respecto, un dos campos que máis me gusta é a toponimia, e estou a desenvolver a subpáxina Usuario:Estevoaei/topónimos. Dentro da literatura gústame especialmente a narrativa contemporánea, máis concretamente a novela negra. Estou moi orgulloso de traducir ao galego a novela de John Fante A irmandade da uva. Probei a escribir relatos, e publiquei algúns en revistas e fanzines, ás veces baixo pseudónimo. Colaborei en Pontevedra Viva facendo crítica literaria unha vez por semana coa sección "Lecturas desde O Alcouce".
Creo firmemente na autoxestión; milito no anarcosindicalismo e colaboro no Liceo Mutante. Creo que a propiedade intelectual é un roubo. Gústame o deporte, e xogo á billarda e ao fútbol gaélico, primeiro no Pontevedra FG e despois no Berobreo FGM, o Dorna FG, o Auriense FG e o Fillos de Breogán. Amais de diversos lugares da península Ibérica, estiven en Mallorca, Montecarlo, Milán, Venecia, Verona, Florencia, Pisa, Roma, a Cidade do Vaticano, Sheffield, Cholet, Praga, Copenhague, Bérgamo, Liubliana, Zagreb, Saraxevo, Mostar, Dubrovnik, Split, París, Berna, Viena, Londres, Sicilia, Madeira, Turín, Aberystwyth, Cardiff, Cidade do Cabo, Sydney, Melbourne, Tasmania, Nova Zelandia, Cornualles, Estocolmo, Gotland, Berlín, Marrakech, Essaouira, Sofia, Skopje, Ohrid e Tirana.
Son un lambón. Gústame o polbo á feira, os pementos de Padrón, o arroz con chícharos, a tortilla de patacas, o leite frito, a sidra, o viño e o kalimotxo.
Adoro bailar. Gústame ir a concertos e sacar fotos, desde Einstürzende Neubauten até Ataque Escampe pasando por Julieta Venegas. Son cantante no grupo Columna Vegana.
Rexistreime como usuario en maio de 2006, e as miñas primeiras edicións foron nos artigos de Evo Morales e a CNT. Comecei a editar de forma constante no verán de 2007, e aos poucos fun aprendendo a subir fotos, traducir artigos doutras linguas e redactar artigos novos desde cero. Compañeiros do proxecto axudáronme a aprender o funcionamento das categorías, as interwikis e outros trebellos. Despois coñecín Wikimedia Commons (o repositorio de material fotográfico, sonoro e audiovisual), o Wiktionary (onde me gustaría colaborar máis) e Wikidata (o futuro).
De vez en cando gústame coller o carro e a cámara e ir tirar fotacas e coñecer mundo (ver abaixo os Wiki Takes nos que participei). Libero as fotos que saco con licenza CC BY-SA 4.0 (Atribución-Compartir igual 4.0 Internacional), e alégrame miralas despois por aí e ver que se lles dá uso, pero mólame que se citen as fontes. Un dos ámbitos que me mola fotografar é o do deporte, como expliquei no artigo "Retos e desafíos na fotografía deportiva: superando barreiras de xénero e capturando momentos especiais".
Creo firmemente na filosofía do compañeiro Angeldomcer: "Se hai que facer un artigo novo, faise. Pero redactar por menos de 2000 bytes (de texto) é tontería". Procuro engadir artigos sobre Galiza doutras wikis á lista de artigos iniciados. Pero antes hai moooito que aumentar e wikificar. Teño un virus no computador que me fai estar 25 horas ao día enganchado á páxina de cambios recentes. Cando estou aburrido, fedello buscando unha páxina aleatoria; por veces, descóbrense artigos moi interesantes!! Un dos retos que me propuxen foi o 100wikidays. A través da Galipedia, coñecín xente moi interesante, xa vía on-line, xa en encontros (Pontevedra, 09/02/2008; Santiago de Compostela, 10/04/2010; Lugo, 23/10/2010; Pontevedra, 20/04/2011; Cidade da Cultura, 17/11/2011; Aranda de Duero, 19/11/2016).
Son socio de Wikimedia España desde o ano 2016, e socio de Wikimedia Portugal desde 2018.
Dei charlas introdutorias á Galipedia no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (marzo de 2016), no CEIP Enrique Barreiro de Vilariño (maio de 2018), no IES Sánchez Cantón de Pontevedra (abril de 2014 e abril de 2018), o IES As Lagoas de Ourense /maio de 2018), na Facultade de Filoloxía da USC e na Facultade de Filoloxía da Coruña (novembro de 2016). Tamén falei noutra Wikimaratón na FFT da Uvigo[6] e mais noutra en Teleco[7], as dúas en abril de 2016[8]. Canda a Usuario:Ogalego.gal dei unha charla sobre a Galipedia para o Programa de Maiores do Campus de Pontevedra na Casa das Campás en decembro de 2017. En marzo de 2018 comecei a coordinar o proxecto Maxisterio Ourense. Nese mesmo mes dei un curso de introdución á Wikipedia organizado pola asociación AberTeo, e en abril dei un curso de introdución a Commons organizado pola asociación Nfoca8 de Betanzos. Tamén fixen unha charla nunha taberna en Pontevedra, cunha reflexión sobre os motivos que me levan a editar na Wiki. En xaneiro e febreiro de 2019 dei un curso para profesorado no IES Breamo de Pontedeume, e en outubro de 2022 co Instituto de Estudos Miñoráns. En febreiro de 2023 dei a charla La Wikipedia como herramienta didáctica para o mestrado de Comunicación e Educación na Rede da UNED.
Falei tres veces sobre a Galipedia na Radio Galega: o 11 de agosto de 2009, ao chegarmos aos 50.000 artigos; o 12 de marzo de 2013 no Diario Cultural[9], polo décimo aniversario; o 2 de outubro de 2017 no Galicia por diante sobre o Wikiconcurso Ilustra o Día das Letras[10]. Entrevistáronme en GCiencia polo 15º aniversario[11], e en La Voz de Galicia[12] e nos papeis da Academia Galega do Audiovisual[13].
Xunto co Usuario:Beninho redactei o artigo "Análise e evolución da Galipedia, a Wikipedia en lingua galega"[14], que apareceu na revista Madrygal en 2012. Escribín un artigo sobre a presenza do rugby na Galipedia para a revista O salmón oval, e redactei para clase este traballo sobre a escolla de nomes de usuario na Galipedia. En base a el, participei na III Xornada de Onomástica Galega que celebra a RAG (Pontevedra, outubro 2018). En 2024 publiquei o artigo "Presenza rosaliana nos proxectos Wikimedia" na revista Follas Novas.
Participei nas xornadas A Historia no medio: Unha análise da Historia nos medios de comunicación, que tiveron lugar na Facultade de Historia do Campus de Ourense en maio de 2012, coa charla "A Galipedia como medio para achegarse á historia"[15]. Tamén participei no II Congreso Internacional Relex, A terminoloxía, unha necesidade da sociedade actual[16], celebrado na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela en outubro de 2015, onde falei nunha mesa redonda sobre o traballo colaborativo. En 2021 participei no Congreso SOPA xunto con Luis Ulzurrun e Montse Sáez.[17]
En marzo de 2018 recollín en nome da Galipedia o Premio Xoán Manuel Pintos ao compromiso coa lingua, concedido polo Concello de Pontevedra. En decembro dese ano recollín o Premio Rosalía de Castro de Lingua, concedido pola Deputación da Coruña.
Usuario:Estevoaei/proba5