-
Debuxo de Syra a liña, dos moitos que Francisco Miguel elaborou.
-
Syra, Francisco Miguel e os seus tres fillos.
-
Tumba sen nome, de Francisco Miguel, no cemiterio de Bértoa.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1897 A Coruña, España |
Morte | 29 de setembro de 1936 (38/39 anos) Queo de Arriba, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | pintor |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Familia | |
Cónxuxe | Syra Alonso |
Francisco Miguel Fernández Díaz[1] (noutras fontes Francisco Miguel Fernández Moratinos[2][3][4] e mesmo Francisco Miguel Moratinos Fernández-Díaz), de nome artístico Francisco Miguel, nado na Coruña en 1897 e finado no Campo de Morgade,[1] Queo de Arriba (Bértoa, Carballo), o 28 de setembro de 1936, foi un pintor, ilustrador, crítico de arte e libreiro galego. A súa pintura é de carácter surrealista, e cultivou as naturezas mariñas.[2]
Foi fillo ilexítimo de Román Moratinos Ventosa, industrial natural de Briones (A Rioxa), e da ferrolá Marcelina Fernández Díaz. Casou con Syra Alonso o 19 de novembro de 1920, co poeta e cónsul uruguaio Julio José Casal como testemuña[5]. Tivo ao seu cargo a Librería de Arte, na rúa Real da Coruña, e colaborou activamente coas revistas Casa de América e Alfar, da que foi director artístico.[6] Participou nos parladoiros da librería da súa propiedade e do café La Peña.[3]
Autodidacta, ao longo da súa vida realizou múltiples viaxes e cambios de residencia: Montparnasse (París), en 1923, onde se formou na arte do batik; Cuba e México (1926-33), onde naceron os fillos Juan Ramón e Sandro e onde traballou co muralista David Alfaro Siqueiros[8], o que contribuíu a poñelo en contacto directo coas vangardas artísticas do momento (Diego Rivera, Blanca Luz Brum…); foi tamén foi amigo de Alejo Carpentier, Luis Seoane, de León Felipe e de Picasso, de quen quixo expór a súa obra da etapa coruñesa nos anos 30 pouco antes de ser asasinado. Francisco Miguel tamén foi ilustrador dos poemas de Jorge Luis Borges e de Gabriela Mistral.[9]
En 1933 volveron a España. Tras un ano en Madrid regresaron a Galicia, instalándose na "Casa da Dicha" (Casa da Felicidade) no Porto de Santa Cruz, Liáns, Oleiros.[10]
O 3 de agosto de 1936 foi detido pola Garda Civil, acusado de actuar contra o réxime militar golpista. Saíu en liberdade, pero o 19 de setembro prendérono de novo. O 28 de setembro apareceu o seu cadáver fusilado en Bértoa, coa cara fendida e as mans amputadas,[10] xunto cos de Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete, e foron enterrados no cemiterio da localidade.
En 1942, Syra e os tres fillos volveron definitivamente a México, exiliados.[11]
En 1999 a cidade da Coruña dedicoulle unha rúa.[12]
En 2015 foille dedicado o Día da Galiza Mártir.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Miguel |