Strigiformes | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Strix occidentalis caurina | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Familias | |||||||||
A orde das estrixiformes ou aves rapaces nocturnas comprende á familia Tytonidae (curuxas) e a familia Strigidae que inclúe bufos, curuxas, mouchos, tecolotes, mouchos de orellas, avelaionas, ñacurutús e chunchos, entre outras. Atópanse en todo o mundo, agás na Antártica, a meirande parte de Groenlandia e nalgunhas illas remotas. Son grandes cazadores, de hábitos nocturnos e solitarios. Aliméntanse xeralmente de pequenos mamíferos, insectos e outras aves, aínda que algunhas especies especialízanse na pesca.
Nas estrixiformes os dedos tenden a separárense dous a dous, e o bico, coma nos papagaios, é moi ganchudo e presenta a base cuberta por unha cera. Os caracteres distintivos da orde están principalmente nos ollos e nos oídos. Aqueles son moi grandes e no canto de estaren situados aos lados da cabeza, áchanse orientados cara a adiante, como entre os mamíferos acontece cos primates, e cada un deles está rodeado por un gran disco de plumas, o disco facial, limitado por unha circunferencia de plumas pequenas, duras e rizadas. Aínda que os bufos teñen visión binocular, os seus ollos están fixos no seu lugar e teñen que virar toda a súa cabeza para mirar cara a outra dirección. Son hipermetropes e non poden ver nada a uns centímetros dos seus ollos. Así a todo, a súa visión, particularmente en luz baixa, é excelente.
A respecto dos oídos, son moi grandes e presentan no exterior notables repregamentos de pel, como se tendesen a formar unha orella, coa particularidade de que este ofrece a cada lado, na maior parte dos casos, formas distintas. Este carácter non se nota a primeira ollada por estaren ocultos os oídos baixo as plumas; pero é curioso que moitas especies teñen sobre a cabeza unhas falsas orellas ou corniños, formados por grupos de plumas tesas. A plumaxe destas aves é moi espesa e moi branda, semellandose á das avenoiteiras, e a meirande parte das especies aseméllanse tamén a estas na cor, que é unha mestura de diferentes matices amarelos, avermellados, pardos e negros.
Case que tódalas estrixiformes son nocturnas e aliméntanse de presas vivas, tales como pequenos mamíferos, paxariños, ras etc., que devoran enteiros; logo regurxitan unhas egagrópilas ou nobelos formados por anacos de ósos, pelos e demais partes que pola súa natureza non poden dixerir. Moitos bufos poden cazar en total escuridade guiándose polo son. O seu disco facial axuda a dirixir o son das súas presas cara aos oídos. Moitas especies posúen plumas suaves que lles permiten voar sen facer ruído, e deste xeito ouvir os sons que se producen no chan. Un exemplo de diúrna é Athene cunicularia que habita en case toda América.
Os ovos que poñen as femias son case esféricos, e por completo brancos. Os seus niños son rudimentarios e poden estar situados en ocos das árbores, tobos, cortellos, covas ou mesmo en niños artificiais feitos polo ser humano.
Maior información en Strigidae.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estrixiformes |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Estrixiformes |