Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2018.)
Verbum - Casa das palabras
Verbum - Casa das Palabras.
CoordenadasCoordenadas: 42°12′47″N 8°46′25″O / 42.212972222222, -8.7735833333333
PaísGalicia
CidadeVigo
Na rede
http://www.vigocultura.org/
BNE: XX4592270
editar datos en Wikidata ]

O Verbum - Casa das Palabras é un museo interactivo da cidade de Vigo, dedicado aos ámbitos relacionados coa comunicación humana, deseñado coma un espazo cultural, lúdico e divulgativo no que os visitantes poidan participar dun modo activo nos elementos expositivos. Un espazo de entretemento que permite experimentar e coñecer a través de xogos todo o relacionado coa comunicación: as linguaxes, os idiomas, as palabras, as letras, os sons, os signos, os símbolos, a vista, o oído, a lectura, a escritura, a literatura, a tecnoloxía etc.

O museo

[editar | editar a fonte]

Verbum é un vocábulo latino que significa palabra, porque a palabra é a orixe do contido do proxecto e o latín é a lingua que deu orixe ás linguas románicas, entre as cales está a lingua galega. Tomando a palabra como unidade mínima de significación, os contidos de Verbum desenvólvense en catro disciplinas xerais: linguas, ciencias, literatura e tecnoloxía.

O museo está situado a carón da praia de Samil, fronte á ría de Vigo, nunha das principais zonas de lecer da cidade olívica, que dispón dun longo paseo marítimo que bordea a praia, ademais de zonas verdes, instalacións deportivas, parques infantís, establecementos de hostalería e aparcadoiros. A superficie total construída é de máis de 5.000 m², localizados nunha parcela de máis de 13.000 m².

O edificio foi deseñado polo arquitecto galego César Portela, e está estruturado en catro andares (souto, baixo, andar superior e cuberta) unificadas por unha caixa de luz que as atravesa e as relaciona, e na que se estruturan as comunicacións verticais (escaleiras e elevadores).

O proxecto en síntese é un conxunto de caixas, que como ocorre coas caixas chinesas, se conteñen unhas ás outras e se mezclan entre si, xerando espazos e situacións interrelacionadas. O conxunto parece sosterse no baleiro, en tanto que cada caixa se deseña convenientemente: rásgase, agrétase, manipúlase, para permitir a entrada da luz, que ao seu paso vai creando ámbitos claros ou escuros, recintos bañados por luces cambiantes a medida que transcorre o día, polos que transitan os visitantes á vez que descobren o rico, o complexo, o insólito, que pode chegar a ser o mundo da palabra.

Á expresividade do espazo e das formas súmanse a expresividade da escultura e a pintura. No xardín da entrada principal encóntrase a escultura en bronce de Sergio Portela O susurro. Á entrada do auditorio está A censura, unha talla de Manuel Coia: un personaxe cortándolle a lingua a outro como mostra da censura da liberdade de expresión. Por último, presidindo o grande espazo central, un fresco de José María Báez titulado As palabras.

Contido do museo

[editar | editar a fonte]

O deseño expositivo de Verbum organízase en 29 cubos de madeira interactivos -correspondentes ás letras do alfabeto- nos que se desenvolven diferentes temáticas das que trata o museo, sempre arredor da comunicación humana. Pódense diferenciar as catro grandes áreas antes mencionadas, que serven para marcar os itinerarios dos diferentes percorridos a realizar.

Servizos adicionais

[editar | editar a fonte]
Congreso de Ponte... nas ondas!

Amais dos elementos expositivos, o inmoble conta con servizos adicionais como cafetería - restaurante, unha sala de exposicións temporais, un salón de actos e unha aula para seminarios con capacidade para cincuenta persoas sentadas.

O salón de actos, con capacidade para duascentas persoas sentadas, está dotado de megafonía, canón de vídeo, pantalla de proxección e equipos de tradución simultánea. No mesmo realízanse todo tipo de actividades complementarias, tanto propias de Verbum como externas.

No vestíbulo hai un punto de información dixital no que se poden consultar páxinas web con información.