Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de novembro de 1969 ![]() Castiñeiras, España ![]() |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España ![]() |
Actividade | |
Ocupación | cantante ![]() |
Xénero artístico | Música rock ![]() |
Lingua | Lingua galega ![]() |
![]() ![]() ![]() ![]() |
Antón Axeitos Ares, máis coñecido como Tonhito de Poi, nado en Castiñeiras (Ribeira) o 27 de novembro de 1969[1], é un artista polifacético galego.
Foi patrón maior de barco e traballou no mar durante cinco anos. En 1992 xuntou a varios mozos da contorna para crear Heredeiros da Crus. Comezaron ensaiando nun galiñeiro e ese mesmo ano deron o seu primeiro concerto na festa da Dorna. En 1994 gravaron o primeiro disco, A cuadrilla de Pepa a loba. Durante os dez anos seguintes gravaron sete discos máis e deron concertos por toda Galicia e fóra dela. Convertéronse nunha banda referente do rock galego e en lingua galega.
En 2005 os membros de Heredeiros separáronse, despois de Tonhito anunciar que deixaba a banda.[2] Xunto a outros músicos portugueses creou o grupo A Banda de Poi, coa que sacou un único disco, Mór. Tras numerosos problemas o grupo disolveuse pouco despois. En 2007 emprendeu un novo proxecto con Tonecho España e os portugueses Poni e Hugo Machado, chamado Tonhito de Poi e Rasa Loba.[3][4] Con este grupo sacou o disco Instinto.[5][6]
En 2012 os Heredeiros da Crus anunciaron a súa reunión para un concerto na discoteca LP-45 de Ordes.[7] As 3.500 entradas esgotáronse en 48 horas[8] e o concerto foi un gran éxito. O que ía ser un único concerto de reunión[9] acabou por converterse nunha xira e na volta definitiva da banda, que continúa en activo. Publicaron dous novos discos e xiraron de novo por toda Galicia e fóra dela (Madrid, Barcelona, Bilbao ou Ponferrada foron algúns dos lugares onde actuaron).[10]
En paralelo aos Heredeiros, Tonhito sacou en 2013 o libro-disco en solitario O soro da verdade, que recolle as vivencias durante a súa viaxe ás selvas da Amazonía. Sobre esta viaxe tamén realizou un documental, O Despertar da Anaconda.[11] Ese ano tamén retomou A Banda de Poi para unha serie de concertos cunha nova formación. Acompañárono esta vez Pulpiño Viascón, Quique Otero e Pablo Pérez.[12]
En 2019 publicou un novo libro-disco en solitario, Non hai onde esconderse, con colaboracións de Cuchús Pimentel, Rubén Reinaldo e Lucía Pérez.[13][14]
Fóra da música, Tonhito tamén se adicou a outros ámbitos do audiovisual, como a radio e a televisión. Traballa na Radio Galega dende 1995[15] e como actor. Interpretou a Xan Rei na serie Rías Baixas da TVG. Tamén participou no programa Con perdón e foi guionista do Show dos Tonechos e de Land Rober.[16] Fundou a súa propia produtora, "Cabezas Quentes", e tivo unha pequena participación no programa Entre familias anda o xogo, presentado por Roberto Vilar. Tamén tivo unha pequena aparición na serie Pratos combinados e nos filmes Entre bateas e Agallas.[17]