Theodosius Dobzhansky (Theodosius Grygorovych Dobzhansky) | |
---|---|
![]() | |
Datos persoais | |
Nacemento | 25 de xaneiro de 1900 |
Lugar | Nemyriv, Imperio Ruso |
Falecemento | 18 de decembro de 1975 (aos 75 anos) |
Lugar | San Jacinto, California, Estados Unidos |
Causa | Insuficiencia cardíaca |
Nacionalidade | Imperio Ruso, Unión Soviética e Estados Unidos de América |
Etnia | Pobo ucraíno |
Relixión | Cristianismo ortodoxo |
Actividade | |
Campo | Bioloxía evolutiva, xenética |
Alma máter | Universidade de Kiev e Universidade de Columbia |
Director de tese | Yuri Filipchenko |
Alumnos de tese | Foron alumnos seus:
|
Contribucións e premios | |
Coñecido por | modelo de Bateson-Dobzhansky-Muller |
Premios |
|
Traballou en: Universidade Nacional Taras Shevchenko de Kíiv (1921-1924)[2] Universidade de Leningrado (1924-1927)[2] Universidade de Columbia (1927-1928, 1940-1962)[2] Instituto Tecnolóxico de California (1928-1940)[2] Universidade Rockefeller (1962-1970)[2] Universidade de California (1971-1975)[2] | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Theodosius Grygorovych Dobzhansky (ucraíno: Теодо́сій Григо́рович Добжа́нський; ruso: Феодо́сий Григо́рьевич Добржа́нский), nado en Nemyriv (Imperio Ruso) o 25 de xaneiro de 1900 e finado en San Jacinto (California) o 18 de decembro de 1975, foi un xenetista e biólogo evolutivo estadounidense de orixe ucraína e unha figura central no campo da bioloxía evolutiva polos seus traballos que contribuíron a dar forma á síntese evolutiva moderna.[3]
Dobzhansky naceu en Ucraína, que entón formaba parte do Imperio Ruso, e emigrou aos Estados Unidos en 1927, cando tiña 27 anos.[4] O seu traballo de 1937 Genetics and the Origin of Species tivo unha grande influencia na síntese evolutiva e foi premiado coa Medalla Nacional da Ciencia dos Estados Unidos de 1964,[5] e coa Medalla Franklin en 1973. É membro externo da Royal Society.[1]
Dobzhansky naceu o 25 de xaneiro de 1900[6] en Nemyriv, Imperio Ruso, actualmente Ucraína, e foi fillo único. O seu pai, Grigory Dobzhansky, foi un profesor de matemáticas, e a súa nai foi Sophia Voinarsky.[7] En 1910 a familia trasladouse a Kíiv. No instituto, Dobzhansky coleccionaba bolboretas e decidiu facerse biólogo.[8] En 1915, coñeceu a Victor Luchnik, que o convenceu de especializarse en escaravellos. Dobzhansky estudou na Universidade do Estado de Kíiv de 1917 a 1921, onde despois seguiu ata 1924. Mudouse a San Petersburgo, Rusia, para estudar baixo a dirección de Yuri Filipchenko, onde se montara un laboratorio para estudar a xenética da mosca Drosophila melanogaster.
O 8 de agosto de 1924, Dobzhansky casou coa xenetista Natalia "Natasha" Sivertzeva, que traballaba con I. I. Schmalhausen en Kíiv, Ucraína. Tiveron unha filla, Sophie, que despois casaría co arqueólogo e antropólogo norteamericano Michael D. Coe.
Antes de emigrar aos Estados Unidos, Dobzhansky publicou 35 traballos científicos sobre entomoloxía, xenética e zootecnia.
Dobzhansky inmigrou aos Estados Unidos en 1927 cunha bolsa de estudos do International Education Board da Fundación Rockefeller para traballar e estudar nos Estados Unidos. Ao chegar a Nova York o 27 de decembro, traballou con Thomas Hunt Morgan na Universidade de Columbia, quen fora pioneiro no uso das moscas do vinagre (Drosophila melanogaster) en experimentos xenéticos. Seguiu a Morgan ao Instituto Tecnolóxico de California desde 1930 a 1940. Baseándose nos seus experimentos, articulou a idea e que o illamento reprodutivo pode ser causado por diferenzas na presenza de microbios simbiontes entre as poboacións.[9]
En 1937, publicou un dos principais traballos da síntese evolutiva moderna, a síntese da bioloxía evolutiva coa xenética, titulado Genetics and the Origin of Species (A xenética e a orixe das especies), o cal, entre outras cousas, definía a evolución como "un cambio na frecuencia dun alelo dentro dunha poza xenética". O traballo de Dobzhansky foi fundamental para que se espallase a idea de que a selección natural ten lugar por intermedición das mutacións nos xenes. Tamén en 1937, nacionalizouse como cidadán dos Estados Unidos. Durante esta época, tivo unha liorta moi pública co seu colaborador na experimentación con Drosophila, Alfred Sturtevant, debido principalmente á competición profesional.
En 1941, Dobzhansky foi premiado coa Madalla Daniel Giraud Elliot da Academia Nacional das Ciencias dos Estados Unidos.[10] Regresou á Universidade de Columbia, onde estivo entre 1940 e 1962. Foi un dos asinantes da declaración da UNESCO de 1950 A cuestión da raza. Despois pasou ao Instituto Rockefeller (que pouco despois se chamaría Universidade Rockefeller) ata que se retirou en 1971. En 1972 foi elixido primeiro presidente da BGA (Behavior Genetics Association, Asociación da Xenética do Comportamento),[11] e recibiu o recoñecemento da sociedade polo seu papel na xenética do comportamento, e a sociedade creou o Premio Dobzhansky de xenética do comportamento.
Dobzhansky foi elixido Membro Estranxeiro da Royal Society (ForMemRS) británica en 1965.[1] En 1970, publicou Genetics of the evolutionary process (Xenética do proceso evolutivo).[12]
A muller de Dobzhansky Natasha morreu de trombose coronaria o 22 de febreiro de 1969. Pouco antes, o 1 de xuño de 1968, Theodosius fora diagnosticado de leucemia linfocítica (unha forma crónica de leucemia), e déronlle meses ou como máximo uns poucos anos de vida. Retirouse en 1971 e trasladouse á Universidade de California, Davis, onde o seu estudante Francisco Jose Ayala era profesor axudante, e onde continuou traballando como profesor emérito. Publicou entón un dos seus máis famosos ensaios "Nothing in Biology Makes Sense Except in the Light of Evolution" (Nada en bioloxía ten sentido se non é á luz da evolución), influído polo paleontólogo e crego Pierre Teilhard de Chardin.
En 1975, a súa leucemia fíxose máis grave, e o 11 de novembro viaxou a San Jacinto, California para recibir tratamentos e coidados. Morreu alí de insuficiencia cardíaca o 18 de decembro. Foi incinerado e as súas cinzas foron esparexidas nunha zona silvestre de California.
Ernst Mayr dixo: "Por outra parte, famosos evolucionistas como Dobzhansky eran firmes crentes nun Deus persoal."[13] O propio Dobzhansky falaba de Deus como creador por medio da evolución, e considerábase un fiel da Igrexa Ortodoxa Oriental.[14]
Durante a súa carreira, Dobzhansky publicou moitos libros e artigos científicos revisados por pares:
Theodosius Dobzhansky criticou o libro "The origin of races" (A orixe das razas) do antropólogo Carleton S. Coon. Dobzhansky rexeitaba a teoría de Coon da orixe independente de mutacións idénticas, pero concordaba en que a selección favoreceu un xenotipo de tipo sapiens en todas as poboacións protohumanas, e expresou a teoría de que todos os alelos sapiens existían en baixa frecuencia en todas as poboacións de erectus, e de que a composición estatística da poza xénica cambiou do erectus ao sapiens en moitas poboacións independentemente.[15] Obras da súa autoría ou coautoría nas que fala do problema racial son: A Bogus ‘science’ of Race Prejudice (Unha falsa 'ciencia' do prexuízo racial)[16] e Heredity, Race, and Society (Herdanza, raza e sociedade).[17]