Ruda de xardín | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ruda de xardín | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
'Ruta graveolens' L. |
A ruda de xardín[1] ou arruda[2] (Ruta graveolens), chamada simplemente ruda, é unha especie herbácea da familia Rutaceae, nativa do sur de Europa. Adóitase cultivar como planta ornamental e de xardín, en especial polas súas follas azuladas e pola súa tolerancia a solos secos e á calor. Tamén se cultiva coma herba medicinal e condimento.
En Galiza non aparece espontánea, si a súa semellante ruda brava ou de montaña (Ruta montana), porén ten sido cultivada dende hai séculos, coma planta de horta e xardín.
Planta herbácea que chega a arbusto perenne de até setenta centímetros ou máis, de base leñosa e con pequenas flores amarelas en corimbo, que despide un cheiro forte e ten propiedades medicinais. O talo áchase moi ramificado, pode vivir varios anos, por mor a esta lonxevidade o talo pode tornarse lígneo.
As follas son semiperennes, de cor verde glauca, azulada, son alternas compostas por varios segmentos dos cales os laterais son alongados e o terminal ovalado ou abrancazado, de consistencia algo carnosa. As flores, forman franzas e teñen entre catro e cinco pétalos, sendo dunha cor amarela viva. O froito é unha especie de cápsula con cinco lóbulos. A planta enteira ten un recendo característico difícil de confundir con outros. O sabor das follas ten un lixeiro proído, mais este fica enmascarado polo intenso recendo que bota.
Na Biblia aparece mencionada (Lucas 11:42-43) esta planta como peganon (πηγανον) este nome se continúa a empregar no grego moderno coma apiganos (απήγανος). Na taxonomía botánica actual Peganum denota un xénero moi afastado da arruda, denominado Zygophyllaceae.
A ruda emprégase na cociña polo seu lixeiro toque entre proído e agre, aínda que o seu aroma é empregado en diferentes mollos ou mesturas alcólicas (a grappa italiana por exemplo ou a augardente de herbas galega). Emprégase moito en Etiopía para dar sabor ao café e na mestura de especies denominada berbere. Emprégase tamén nalgúns lugares de Italia para elaborar un mollo de tomate especial feito de olivas e alcaparras (en conxunción coa maiorana, o levístico e o alfábega).
Existen certos riscos de cociñar con arruda por mor á súa forte toxicidade.
En calquera caso débense empregar desta planta as follas frescas (acabadas de cortar); as secas son un pobre substituto. A arruda é unha planta con gran contido de vitamina C e por esta razón se considera antiescorbútica, con todo non é tan apropiada como a do limoeiro. Acostúmanse empregar en infusións como emenagoga, é dicir para provocar ou para deter a menstruación.
Cómpre usar en pequenas cantidades por mor á súa toxicidade.
Embarazo, lactación.
A ruda adoita empregarse coma unha das Herbas de San Xoán por se considerar máxica e para afastar os maos espíritos.
Xoán Sobreira Salgado na súa obra de 1790 Vegetables de Galicia[3] achéganos un poema popular no que aparece a ruda:
Tende-la ruda,
tende-la sarja[4],
tende-la herva,
da frecha na casa.
Aínda que serve para repeler insectos, cando se aplica a ruda sobre a pel pódese producir un efecto fotoirritante nalgúns casos. Contén varios aceites esenciais e alcaloides que poden causar extrema sensibilidade aos raios ultravioletas, coa aparición de bóchegas e lesións na pel.[5]
Ruta graveolens foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum 1: 383, aló polo ano 1753.[6]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ruda |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Ruda |