San Pedro de Rinlo | |
---|---|
Vista da vila | |
Concello | Ribadeo[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 43°33′24″N 7°06′15″O / 43.55654323, -7.10429584Coordenadas: 43°33′24″N 7°06′15″O / 43.55654323, -7.10429584 |
Área | 1,13 km² |
Poboación | 222 hab. (2020) |
Densidade | 196,46 hab./km² |
Entidades de poboación | 7[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Pedro de Rinlo é unha parroquia do concello lugués de Ribadeo. A freguesía pertence ó arciprestado de Ribadeo. Segundo o IGE en 2010 tiña 233 habitantes.
Conta cos lugares do Campo de María Méndez, O Campo de San Pedro, O Campo do Cristo, O Cantal, O Cotarelo e A Virxe Branca. Limita ao sur coa parroquia da Devesa, ao leste con Vilaframil, ao oeste con Reinante (do concello de Barreiros) e ao norte co mar Cantábrico. Está atravesada polo regato de San Xulián ou San Xián.
O seu xentilicio é rinlego.[2]
O topónimo podería derivar do nome do pequeno río que desemboca no seu porto: Rivillus, palabra composta de rivius, (río) e a posposición diminutiva illus (río pequeno, regato). Perdido o v ante o i, fenómeno frecuente na formación das linguas romances, queda Riillus. O hiato formado polos dous ii fai desaparecer un deles, quedando Rillus, que acaba en Rilo, perdendo un l por redución fonética. O n que logo aparece é un fenómeno de nasalización secundaria, como esquecer / esquencer. Na Idade Media estaba documentado como Riilo.[3]
Vila mariñeira de longa tradición, aparece referenciada no tombo do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, nun documento de 1268 que menta o 'Porto de Rielo de Meirengos', base das primeiras cabanas de pescadores.[4] Deu acubillo a tres cetarias, hoxe abandonadas. As súas actividades principais na actualidade son a extracción de percebes e o turismo.
A parroquia foi creada en 1896, segregándose os seus lugares da Devesa.[5] No ano 2009 iníciase o proceso para constituír un BIC, aínda sen rematar en 2022.
A igrexa parroquial de San Pedro está sita á saída do núcleo urbano. Ten algún edificio curioso, como a Casa de Don Inocencio, unha casa de indianos cunha pasarela no tellado, amais de edificacións como a antiga escola, doazón dun indiano orixinario da zona. As casas da fachada cara ó porto zona teñen un colorido diverso.
Na actualidade un paseo costeiro recorre toda fronte da rasa ó pé do Cantábrico, incluída a zona de Rinlo, e facilita a visita ás tres cetarias, que forman parte da historia rinlega.
As festas patronais de San Pedro celébranse o 29 de xuño, cunha procesión ata o peirao. O 16 de xullo, como en case tódalas vilas mariñeiras, hónrase á Virxe do Carme, cunha misa que se celebra no porto. Recentemente recuperouse a festa do percebe, que se vén celebrando contra o 25 de xullo.
O porto ten gran tradición mariñeira, e conta ademais cun depósito e traída de augas.
Lugares da parroquia de Rinlo no concello de Ribadeo (Lugo) | |
---|---|
O Campo de María Méndez | O Campo de San Pedro | O Campo do Cristo | O Cantal | O Cotarelo | Rinlo | A Virxe Branca |