San Xoán de Ove é unha parroquia do concello de Ribadeo, na provincia de Lugo. Pertence ao arciprestado de Ribadeo. Segundo o censo en 2004 tiña 439 habitantes, agrupados en 27 entidades de poboación e 9 lugares, cunha densidade media de 25,5 hab/km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 387 habitantes, sendo 199 homes e 188 mulleres.
A freguesía pertenceu á antiga Diocese de Britonia e figurou nun documento do ano 1128 baixo a nomenclatura de "Sanctus Joanne de Euve".[2] En canto a outros autores din que recibe o seu nome do río que a limita: Euve, o actual Eo que dá orixe á ría de Ribadeo, e co que compartiría o significado de 'auga corrente'.[3] A -u- de Euve converterase en -o- pola atracción da semiconsoante seguinte, o -v-, dando orixe ó nome evolucionado Eove. Ó estar normalmente precedida da preposición de, ...San Xoán de Eove..., prodúcese un falso corte do E- inicial e a súa desaparición, ó confundirse co -e da preposición de. Queda, pois, así a súa forma actual Ove ou Obe, xa que entre o -v- e o -b- prodúcese unha vacilación por betacismo.
A igrexa é do século XVII, con retablo rococó no presbiterio, de dous corpos. Nas naves laterais, outros dous do mesmo estilo. Sufriu varias reformas posteriores. No lugar da Graña encóntrase a capela de Santo Estevo, cun retablo barroco dun corpo e tres fornelas; tamén se atopan as capelas de Santa Cruz, San Lázaro e Santo Estevo, e na aldea da Frieira está a capela de Santa Lucia.
Da prehistoria conserva o Castro das Cárcovas, na Capela.[4]
As festas patronais de Ove celébranse o día 24 de xuño, na honra a San Xoán.
Tamén é moi coñecida a Festa de Santa Cruz na honra da Virxe da capela do monte, o 25 de abril. Antigamente a romaría adoitábase facer no monte do mesmo nome onde unha procesión, ademais dos penitentes de peregrinos acoden a realizar a coñecida Xira da Santa Cruz (que na actualidade se fai o primeiro Domingo de agosto e se lle atribúe á parroquia de Ribadeo); porén esta parroquia acostuma facer a Xira homenaxe á Gaita, que está declarada de interese turístico.