Redes Escarlata | |
---|---|
Tipo | asociación cultural |
Data de fundación | 2001 |
Sede | Santiago de Compostela |
País | Galicia |
Na rede | |
http://www.redesescarlata.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
As Redes Escarlata foron un colectivo de intervención sociocultural xurdido en Santiago de Compostela no mes de maio de 2001. No seu primeiro manifesto público presentáronse como organización de esquerdas pola independencia de Galicia[1] e contra o neoliberalismo. O colectivo toma o seu nome do libro Bretaña, Esmeraldina, de Xosé Luís Méndez Ferrín.[2]
Aspectos novidosos das Redes Escarlata foron, naquela altura, a organización aberta, asemblearia e nucleada en torno a cada acción concreta, así coma o funcionamento no ámbito nacional tanto a través da rede -mediante propostas e debates- coma das intervencións na rúa.[3]
Entre as súas actividades, non raramente silenciadas polos medios de prensa galegos, destacaron propostas de amplo calado estético e reivindicativo coma o Baleirado da Cultura celebrado nas rúas do casco histórico de Ourense (outono, 2002). En 2003 publicaron a obra poética colectiva Xuro que non volverei pasar fame, cunha ampla representación[4] de xeracións e tendencias diversas. As Redes Escarlata impulsaron tamén varias xornadas baixo o lema Un debate, mil repúblicas[5] así coma performances, conferencias[6] e actos solidarios e reivindicativos e numerosos recitais e performances[7] ao largo da xeografía galega.
Levaron ademais a cabo recoñecidos traballos de información e de axitación que espallaron desde a súa web, cunha repercusión especial desde o afundimento do Prestige (2002 e 2003),[8][9][10] coma a autodenuncia de miles de persoas que nela asinaron un poema contra Fraga Iribarne. Nese espazo virtual apareceron con regularidade manifestos ("nada nos é alleo", proclamaban) sobre todo tipo de temas: o cinema galego, os dereitos sexuais do colectivo LGTBI+,[11] a cuestión do idioma, a represión do independentismo,[12] o dereito á okupación, a invasión de Iraq etc. As Redes Escralata tamén colaboraron activamente na defensa da galeguidade lingüística e cultural das comarcas estremeiras[13].
A organización fixo entrega durante máis dunha década do Premio Roberto Vidal Bolaño,[14] concecido a asociacións (Pallasos en Rebeldía, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística...), colectivos (compañía de teatro Chévere) ou personalidades (Agustín Fernández Paz, Felipe Lubián...) que se distinguisen "pola súa defensa da emancipación das clases populares e da República galega" nos campos cultural, social ou político.
Fóronse adherindo ás Redes Escarlata a partir do seu manifesto fundacional de 2001 e participaron da organización nomes[15] coma Chus Pato, Anxo Angueira, Carme Hermida, Fernando Pérez, Xoán de Dios, Chus R. Piñeiro, Francisco Fernández Rei, Xabier Cordal, Carme Carballo, Manuel Igrexas, Oriana Méndez, Antón Lopo, Pilar Beiro, Isaac Xubín, Asun Arias, Xosé Henrique Costas, Aitor Rivas, Antón Figueroa, Ricardo Castro, Gonzalo Hermo, Iago Castro, Luz Fandiño, Rober Bass, Silvia Penas, Francisco Sampedro, Xabier P. Docampo, Fran Cortegoso, Elvira Ribeiro, Iván Prado, Antón Dobao, Xosé L. Méndez Ferrín, Xosé Luís Santos Cabanas, X. M. Eyré, Claudio Pato, Xosé Manuel García Crego, Xabier Xil Xardón, Mariana Petiti, X. Mª Lema, Pancho Niño, Brais González Pérez, Alberte Momán, Francisco Domínguez Romero e un longo etcétera.[16]