Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1926 |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Finlandesa. |
Educación | Universidade Politécnica de Helsinqui. |
Q89547790 | Coleccionista de moeda finlandesa. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e industria papeleira. |
Premios | |
- (1984): Medalla Pro Numismatica (SNY). - (2000): Medalla Örnhjelm (SNY). - (2004): Insignia de ouro (SNY). - (2012): Medalla Elias Brenner (SNF). |
Nils J. Lindberg, nado en 1926 en Helsinqui, foi un industrial papeleiro e coleccionista numismático finlandés.
Tras concluír a súa educación secundaria en 1943, Lindberg graduouse cun mestrado en enxeñaría en 1947 na Universidade Politécnica de Helsinqui. Logo duns anos de investigación sobre a produción de papel en Finlandia, Suecia e os Estados Unidos, Lindberg ingresou en 1958 na Asociación Finlandesa da Industria Papeleira (Finnpap) como director técnico, e en 1960 promoveu a creación do Museo Finlandés do Papel.[1] Durante tres décadas estivo vinculado profesionalmente á exportación de papel, ata que en 1988 se xubilou e comezou a dedicarse plenamente á investigación. En 1999 acadou o doutoramento en historia económica na Universidade de Jyväskylä, cunha tese titulada Paper comes to the North: sources and trade routes of paper in the Baltic Sea region 1350-1700: a study based on watermark research.[2][3]
O seu interese pola numismática comezou a principios da década de 1960, cando comezou a súa colección de moeda finlandesa. En 1965 ingresou na Asociación Numismática Finlandesa, da que foi elixido vicepresidente en 1971 e presidente entre 1975 e 1983.[2][3][4]
Entre as investigacións de Lindberg no ámbito numismático é salientable a que versa sobre as fichas comerciais de ferro da época en que Finlandia estaba baixo dominio Sueco, que deron lugar ao artigo de 2004 titulado "En kartläggning av brukspolletter i Finland" ("Rastrexo de fichas comerciais en Finlandia").[3][5][6]
A súa colección de moedas comezou a forxarse a mediados da década de 1960, fundamentalmente con moedas suecas e especificamente con táleros, o que o levou a publicar unha monografía sobre estas moedas en 1976: Riksdalrar präglade i Sverige ("Riksdaler cuñados en Suecia").[5] Posteriormente interesouse por tipoloxías de moedas moi diversas, entre elas as da cidade finlandesa de Turku.[7] A parte máis importante da súa colección formouse entre as décadas de 1960 e de 1970.[2][3]
A súa colección chegou a estar constituída por arredor de 600 pezas de gran calidade, correspondentes á numismática sueca e finlandesa. Finalmente, a súa primeira parte vendeuse en poxa pública en Estocolmo pola Asociación Numismática Finlandesa o 23 de maio de 2015, e a segunda parte o 21 de maio do ano seguinte.[8][9]
En 1986, a Asociación Numismática Finlandesa emitiu unha medalla para conmemorar o 60 aniversario de Lindberg, deseñada polo medallista Kauko Räsänen (1926-2015).[2][3]
Esta é unha escolma das monografías máis representativas de Nils J. Lindberg:[13]