Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de xuño de 1982 (42 anos) A Xesteira, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | escritora , filóloga , editora literaria |
Lingua | Lingua galega |
María Dolores Villanueva Gesteira, máis coñecida como Malores Villanueva, nada na Xesteira (Almofrei, Cerdedo-Cotobade) o 26 de xuño de 1982, é unha profesora e escritora galega.
Estudou no Colexio Público Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas) e no IES Xunqueira II (Pontevedra). Licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela (USC) en Filoloxía Galega, obtendo o Premio Nacional Fin de Carreira, e en Filoloxía Románica, licenciatura pola que recibiu o Premio Fin de Carreira de Galicia. O 20 de xaneiro de 2016 defendeu a súa tese de doutoramento: A Editorial Galaxia: proxecto e traxectorias 1950-1963[1], tema que volveu tratar nos 70 anos da Editorial.[2]
Entre 2006 e 2011 foi secretaría dos Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia e impartiu docencia na licenciatura e grao de Filoloxía Galega (USC) entre 2009 e 2011. Tamén foi Professora d'Estudis Gallecs (lectora da Xunta de Galicia) na Universidade de Barcelona[3]. En xullo de 2017 aprobou as oposicións de secundaria en Lingua Galega e Literatura[4] e comezou a impartir docencia no IES San Tomé de Freixeiro de Vigo e logo en 2019 con destino definitivo no IES Álvaro Cunqueiro da mesma cidade.[5]
Antes de aprobar as oposicións foi Directora de edición e comunicación da Editorial Galaxia[6] e desde 2018 editora externa.
Participou como xurado nos Premios da Crítica 2018[7] e no Premio Blanco Amor de novela[8] e no Premio de Relato Breve Nélida Piñón[9]. Coordinou o Premio Illa Nova de Narrativa [10] e o Premio Viadutos de Novela do Concello de Redondela.
Colaborou en publicacións coma Grial, Revista Sarmiento, A Trabe de Ouro, Revista Murguía, Boletín da Real Academia Galega, Fronterad-Revista dixital, Tempos Novos, Estudos de Lingüística Galega, Informe de Literatura ou Madrygal. Revista de estudios gallegos.[11] Algúns son críticas literarias, pero moitos outros teñen que ver coa situación lingüística durante o franquismo, os discursos, o galeguismo nese momento crucial. Tamén con artigos semanais en La Voz de Galicia.
Foi padroeira e secretaria da Fundación Penzol e da Fundación Premios da Crítica e formou parte dende o 1 de febreiro de 2016 do Consello Social da Lingua do Concello de Vigo. Tamén foi colaboradora externa do Instituto da Lingua Galega [12] e participou en ProLingua.
Colaborou en Chamando á terra da Radio Galega[13], no Zig Zag da TVG e mesmo foi pregoeira da Festa do Petote en Carballedo (Cotobade) en 2011[14].
En 2023 dedicóuselle o Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego, do que Malores Villanueva é unha estudosa,[15] polo que publicou artigos, libros (en Galaxia) e foi co-comisaria de exposicións con Malós Cabrera.[16]
En obras colectivas:
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Malores Villanueva |