Tempos Novos Información para a opinión e o debate | |
---|---|
Tipo | Revista |
Fundación | 1997 |
Empresa editora | Atlántica de Información e Comunicación de Galicia |
Director | Luís Álvarez Pousa |
Lingua | Galego |
Ámbito | Galicia |
Periodicidade | mensual |
[ editar datos en Wikidata ] |
Tempos Novos é unha revista galega de publicación mensual en papel publicada por Atlántica de Información e Comunicación de Galicia desde abril de 1997. Nas súas páxinas os lectores poden atopar reportaxes e entrevistas coa actualidade política, económica ou social como tema central e varias seccións dedicadas ao pensamento, á cultura e á arte en todas as súas manifestacións, con sinaturas recoñecidas dos eidos da Universidade e a investigación vencelladas fundamentalmente ao xornalismo, críticas de distintas disciplinas e valores emerxentes da nova literatura galega.
A súa fundación tivo lugar nun acto celebrado no Instituto Galego de Información o 11 de xaneiro de 1997, onde "cento cincuenta persoas converxeron nunha sociedade anónima coa pretensión declarada de crearen medios de comunicación alternativos e de calidade. Un colectivo plural, representativo da diversidade de tendencias e sensibilidades que configuran a nosa realidade política, cultural e social máis comprometida".[1]
Ao longo do seu percorrido vital a revista pasou por diferentes etapas, sendo obxecto de revisións de contidos e de deseño gráfico coa fin de mantela apegada aos gustos imprerantes en cada unha das súas épocas, mais sen renunciar aos seus alicerces fundamentais: o idioma galego, o compromiso coa información libre e unha aposta polo xornalismo de calidade.[2] Así, as súas páxinas acollen desde sempre análises da actualidade sociopolítica e cultural, con seccións para a música, a arte, o teatro, os libros e o humor gráfico.
Tempos Novos é unha revista editada en papel, cunha aposta clara por este formato. Dende 2007 ten un alter ego na rede, Tempos Dixital, que desde o ano 2023 vén adquirindo unha personalidade cada vez máis independente da publicación matriz.
Dirixe a revista o xornalista Luís Álvarez Pousa, quen asina ademais o editorial de cada número e algúns artigos e entrevistas.
O equipo de Redacción está conformado polos coordinadores de área, que á súa vez contan con colaboradores e colaboradoras que cubren os distintos ámbitos temáticos de cada área.
Economía e medioambiente: Manoel Barbeitos e Gonzalo Rodríguez
Política, Comunicación e Medios: Carlos Montenegro e Xulio Ríos
Xénero, feminismos, novas masculinidades, LGTBI (Identidades): Anna R. Figueiredo
Activismo social (Redes): Ruth Sousa
Cultura(s) e Pensamento: Francisco Cortez-Lobâo e Miguel Vázquez Freire
Coordinación xeral: Francisco Cortez-Lobâo
A capa da revista é desde sempre o elemento máis distintivo de Tempos Novos. O seu deseño, como é lóxico nunha traxectoria de vinte anos, foi mudando o estilo e enfoque até chegar ao actual, no que o autor é o ilustrador compostelán Daniel Pino.
A revista mantén sempre a mesma estrutura: previa ao índice, a Carta de Axuste de Luís Álvarez Pousa, seguida por E digo eu, asinada por Daniel Álvarez, e A velas vir, de Xurxo Borrazás.
É a sección En Destaque a que aglutina varias sinaturas sobre o tema principal, seguidas pola crónicas políticas de Justo Beramendi e Manuel M. Barreiro.
Tempos Novos mantivo o gusto polo humor gráfico, que é a base da sección Guau, Guau: unha recompilación de viñetas publicadas nos medios galegos que dá paso a Todo é Peixe, unha ampla sección que abre Camilo Franco cunha reflexión a partir dunha fotografía de autoría alterna de Nacho Gómez e Moncho Fuentes.
Argumenta é unha sección de varias páxinas dedicada á ciencia e ao pensamento na que se inclúen reportaxes e entrevistas en torno a unha temática, e que dá paso á sección de Cultura, con crónicas, entrevistas e críticas de arte, cinema, banda deseñada, series, música, etc...
Pecha a revista a Cara B de Anna R. Figueiredo con fotografía de Diego Seixo.
Tempos Novos mantivo entre os anos 2006 e 2010 o suplemento de libros Protexta que inicialmente se editaba de xeito independente á revista e se distribuía xunto con ela e con varios xornais de Ediciones La Capital con periodicidade trimestral. Posteriormente integrouse como sección da propia revista.