Unha lingua illada é unha lingua natural para a que non se probou ningún parentesco con outra lingua viva ou morta. Unha lingua illada é en principio aquela que non pertence a ningunha familia de linguas propiamente dita (é dicir, ela é o único membro da súa familia). O ainu, o vasco, o buruchasqui ou burushaski e o sumerio son exemplos de linguas clasificadas frecuentemente como illadas.
O termo "parentesco" enténdese no sentido da lingüística histórica, que afirma que case todas as linguas faladas no mundo poden ser agrupadas segundo a súa procedencia histórica nun número relativamente pequeno de familias. Así, por exemplo, o español está relacionado con outras linguas indoeuropeas como o inglés ou o hindí derivando todas elas dunha lingua común, chamada ás veces protoindoeuropeo. Doutra banda, o chinés mandarín, o tibetano, o birmano ou outras linguas sino-tibetanas resultaron da evolución histórica dunha lingua común. Segundo este criterio, unha lingua illada constitúe unha familia por si soa, o que explica o interese excepcional que espertan entre os lingüistas.
É posible que todas as linguas faladas actualmente no mundo estean relacionadas ao descender dunha única lingua ancestral (aínda que o caso do lingua de acenos de Nicaragua suxire que baixo certas circunstancias e estímulos adecuados pode xurdir unha lingua nova quasi ex nihilo). As familias de linguas establecidas serían nese caso soamente as ramas superiores da inmensa árbore de todas as linguas.
Esta é unha das razóns polas que se realizaron incontables estudos buscando emparentar estas linguas. Así, por exemplo, o Vasco foi comparado con practicamente todas as familias de linguas vivas e mortas, desde o sumerio ás linguas do sur do Cáucaso sen resultados convincentes. Robert M. W. Dixon pola súa banda aplicou ideas da teoría da evolución biolóxica, en concreto da moderna teoría do equilibrio puntuado para explicar porqué aínda no caso de que todas as linguas estivesen relacionadas resulta imposible atopar parentescos recoñecibles que vaian moito máis aló de 6.000 ou 8.000 anos.
A hipótese do grupo de linguas nilo-saharianas non é aceptado por moitos lingüistas. Moitas das linguas que se clasifican como nilo-saharianas son polo tanto a miúdo consideradas como linguas illadas.
Véxase tamén: Linguas andinas, Linguas setentrionais (andinas)
Moitas das linguas de Papúa aínda teñen que ser estudadas con profundidade, polo que moitas son consideradas linguas illadas. O mesmo é válido para Australia, xa que as familias lingüísticas propostas aínda non están probadas suficientemente.
Non se debe confundir o concepto de lingua illada cunha lingua que está illada, ben porque ten pouco contacto con outras culturas (como a lingua da illa de Pascua) ou ben porque está moi afastada doutras linguas relacionadas (como é o caso da lingua malgaxe de Madagascar cuxos parentes mais próximos atópanse no sueste asiático).