Picto | ||
---|---|---|
Falado en: | Escocia | |
Rexións: | Europa occidental | |
Extinción: | 1 100 | |
Familia: | Céltico Céltico insular Britónico Picto | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | --
| |
ISO 639-2: | --- | |
ISO 639-3: | xpi
| |
Mapa | ||
Status | ||
A lingua picta era a lingua dos antigos pictos, na actual Escocia. Os únicos restos desta lingua están en topónimos, nomes propios atopados nos monumentos e nos rexistros da época. Na súa máxima extensión debeu falarse desde as Shetland ata Fife.
A clasificación da lingua picta é algo controvertido aínda. Influente é o parecer que nunha revisión sobre o picto fixo Jackson, quen considerou que o picto podía non ser celta ou ter un substrato non céltico. Con todo Forsyth non está de acordo.
En 1582, o estudoso humanista (e falante nativo do gaélico) George Buchanan, expresou a opinión que o picto era similar a linguas como o galés, galo e gaélico. O resto da investigación sobre esta lingua ten sido descrita como comentarios á obra de Buchanan.[1]
De acordo con W. B. Lockwood (1975) a opinión de que o picto é unha lingua celta é algo provisional. Referíndose a unha inscrición nas Shetland escribe: "Cando se extraen os nomes de persoa, o resto é totalmente incomprensíbel. Así na pedra de Lunnasting nas Shetland pódese ler ettocuhetts ahehhttann hccvvevv nehhtons. A última palabra é claramente o comunmente testemuñado nome Nechton, pero o resto, mesmo tendo en conta unha eventual reduplicación de consoantes en Ogam, parece tan exótico que os filólogos conclúen que o picto foi unha lingua non indoeuropea sen parentes recoñecíbeis.
Con todo, a evidencia da toponimia e a antroponimia leva claramente a que os pictos falaban unha lingua céltica insular, en relación coas máis meridionais linguas britónicas[2] aínda que se propuxo tamén que a lingua era máis próxima ao galo que ás linguas britónicas.[3] Columba, un gaélico, necesitou un intérprete na terra dos pictos, e Beda afirmaba que os pictos falaban unha lingua diferente da dos britanos, xuízos que non din nada sobre a natureza da lingua picta. Chegouse a afirmar que na terra dos pictos sobreviviran unha ou dúas linguas non indoeuropeas, un argumento que se considera baseado ante todo na limitada evidencia negativa e na hai tempo descartada teoría de que as linguas e as culturas materiais só se poden expandir por invasión ou migración.[4] Elementos preindoeuropeos poden atoparse frecuentemente en topónimos escoceses setentrionais, e alguén expuxo a teoría de que algunhas inscricións ogámicas pictas poidan estar presentando exemplos desta lingua.
Os topónimos a miúdo permítenos deducir a existencia de asentamentos históricos pictos en Escocia. Os que portan o prefixo "Aber-" (‘esteiro’), "Lhan-" (‘cemiterio’), "Pit-" (‘porción’, ‘granxa’), ou "Fin-" (‘outeiro’ [?]) indican rexións habitadas por pictos no pasado (por exemplo: Aberdeen, Lhanbryde, Pitmedden, Pittodrie, Findochty etc). con todo, "Pit-" é o elemento máis distintivo, pois "Aber-" tamén podemos atopalo en lugares nos que se falou britónico. Algúns dos elementos pictos, como "Pit-", formáronse despois da época picta, e poden referirse a antigos "condados" ou "thanages".[5] Outros elementos toponímicos que se suxeriron foron "pert" (‘valo’, galés perth - Perth, Larbert), "carden" (‘maleza, mato’, galés cardden - Pluscarden, Kincardine), "pevr" (‘brillante’, galés pefr - Strathpeffer, Peffery).[6]
A evidencia da toponimia tamén revela o avance do gaélico no país dos pictos. Así, Atholl, que significa Nova Irlanda, está testemuñado a principios do século VIII. Isto pode ser un ídice do avance do gaélico. Fortriu tamén contén topónimos que suxiren asentamentos gaélicos, ou influencias gaélicas.[7] Hai un número de préstamos pictos no moderno gaélico escocés.
Ademais de antropónimos Beda aporta un único topónimo picto (HE, I, 12), cando fala do muro de Antonino:
Comeza a unha distancia de sobre dúas millas do mosteiro de Abercurnig, no oeste, nun lugar chamado na lingua picta Peanfahel, e na lingua inglesa, Penneltun, e discorre cara o oeste, finaliza preto da cidade de Alcluith.
Peanfahel – a moderna Kinneil, preto de Bo'ness – parece conter elementos relacionados co britónico penn 'no cabo' e goidélico fal 'muro'. Alcluith, 'rocha do Clyde', é a moderna Dumbarton Rock, sitio dunha moi antiga fortaleza medieval e un posterior castelo.[8]