Insulares do estreito de Torres | |
---|---|
Carauta do estreito de Torres (século XIX) | |
Poboación | |
Poboación total: 48 000 | |
Rexións principais: | |
Illas do estreito de Torres | 6 000 |
Queensland | 42 000 |
Aspectos culturais | |
Lingua | Linguas das illas do estreito de Torres |
Relixión | Cristianismo |
Grupos relacionados | Aborixes australianos, papúas e kanaka |
Os insulares do estreito de Torres son os poboadores orixinarios das Illas do estreito de Torres e de parte do actual estado de Queensland. Segundo a lexislación australiana, constitúen xunto cos aborixes australianos os dous grupos de indíxenas australianos do país. O 6% dos indíxenas australianos identifícase plenamente como Insular do estreito de Torres. Outro 4% dos indíxenas australianos identifícase tendo herdanza mixta aborixe e do estreito de Torres.[1]
Hai preto de 6.000 Insulares do estreito que viven nas Illas do estreito de Torres, e outros 42.000 que viven fóra delas, maioritariamente no norte de Queensland, destacando as localidades de Townsville e Cairns.[2]
Os Insulares do estreito de Torres posúen unha herdanza cultural e historia distinta das tradicións aborixes. Os que viven na área leste do Estreito de Torres, están relacionados cos pobos de Papúa Nova Guinea, e falan unha lingua papúa.[3] Así pois, non son xeralmente incluídos baixo a denominación "aborixes australianos". Este foi outro factor para a promoción do máis inclusivo termo "indíxenas australianos".
Os indíxenas de Torres falan dúas linguas autóctonas. Os da parte central e occidental falan linguas do grupo pama-nyunganas (kalaw lagaw ya, kalau kawau ya, kulkalgau ya e kawalgau ya), mentres que os da parte oriental falan a lingua meriam mìr, do grupo de linguas papúas.