Hyla arborea

Hyla arborea
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Hylidae
Xénero: Hyla
Especie: H. arborea
Nome binomial
Hyla arborea
Linnaeus, 1758
Mapa de distribución. As poboacións ibéricas representdas no mapa considérase actualmente que pertencen á especie H. molleri.
Mapa de distribución.
As poboacións ibéricas representdas no mapa considérase actualmente que pertencen á especie H. molleri.

Mapa de distribución.
As poboacións ibéricas representdas no mapa considérase actualmente que pertencen á especie H. molleri.

A Hyla arborea é unha pequena ra do xénero Hyla, da familia dos hílidos (Hylidae), duns 4,5 a 5 cm de lonxitude, cor verde, hábitos arborícolas e que se alimenta de insectos.

Pode verse en días húmidos e nubrados, porén, atinxe os niveis máximos de actividade durante a noite.

Historicamente as relas foron utilizadas como barómetros biolóxicos, debido ao feito de comezaren os machos a croar ao sentiren a proximidade da chuvia.

Esta ra é o representante por excelencia dos hílidos en Europa, distribuíndose pola Europa central e meridional (agás a Península Ibérica), estendéndose polo leste até o Cáucaso e Asia occidental.

Características

É un anfibio de pequeno tamaño, de non máis de 5 cm de lonxitude. Presenta un corpo ovalado, algo repoludo, coa cabeza ancha e os ollos grandes e prominentes, de iris dourado.

Facilmente recoñecíbel pola intensa cor verde brillante, aínda que, dependendo da subespecie, temperatura ou humidade relativa ou o seu contorno, a súa cor pode variar entre as tonalidades verde escura a verde intensa, pasando pola cincenta, parda e amarela, ás veces con manchas. Ao longo dos flancos presentan unhas liñas irregulares de cor que vai da parda á negra.

As súas extremidades son esveltas, e nas puntas dos dedos teñen ventosas, adaptadas aos seus hábitos gabeadores, que lles permiten agatuñar facilmente pola vexetación e manterse sobre as follas máis lustrosas, sendo este un dos caracteres que as separan das ras típicas, de fortes ancas traseiras adaptadas ao salto.

O macho presenta un gran saco vocal que infla debaixo da mandíbula ao realizar a súa chamada e desenvolve durante o período nupcial pequenas rugosidades no primeiro dedo das extremidades anteriores que lle axudarán a suxeitarse á femia durante o amplexo.

Hábitat e distribución

Vive en territorios con auga permanente, onde abunda a vexetación, nas marxes de pozas, lagoas ou ríos de correntes lentas. Frecuenta preferibelmente árbores, matogueiras e outras vexetacións densas que lle permitan agocharse, e que ademais estean próximas á auga.

É de actividade principalmente crepuscular e nocturna.

Presente nas zonas mediterráneas europeas, está amplamente distribuída por Europa, desde Ucraína e Belarús, até os Balcáns, Creta, Italia, Benelux e Francia.

Na Península Ibérica substitúea a especie Hyla molleri, que anteriormente era considerada unha subespecie dentro de H. arborea.[2][3][4][5][6][7]

Reprodución

Macho de Hyla arborea croando.

O período reprodutor desta ra comeza coa primavera, utilizando pozas ou ribeiras fluviais de augas doces e con abundante vexetación.

Os machos atraen as femias co seu potente canto, inchando o saco vocal que chega a adquirir un tamaño maior có da cabeza.

Coma no resto de especies de ras, o apareamento ten lugar unha vez que o macho consegue atraer unha femia coa súa chamada, e durante a noite. A femia deposita paquetes con ao redor de 1.000 ovos, que son fecundados externamente polo macho durante o denominado amplexo axilar.

Notas

  1. "Hyla arborea". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2008. 
  2. Masó e Pijoan (2011).
  3. Stock et al. (2008).
  4. Carretero et al. (2010).
  5. Speybroeck et al. (2010).
  6. Rivera et al. (2011).
  7. Frost (2010).

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas