A hormona liberadora da tirotropina (TRH, thyrotropin-releasing hormone ou TSHRH), tamén chamada factor liberador da tirotropina (TRF), tiroliberina ou protirelina, é unha hormona peptídica hipotalámica de só tres aminoácidos, que estimula a liberación na adenohipófise ou pituitaria anterior da hormona estimulante da tiroide (ou tirotropina) e da prolactina. É unha hormona trópica, xa que actúa sobre outra glándula endócrina. A TRH pertence á unha famila na que están incluídas varias TRH.
A TRH prodúcese no hipotálamo polas neuronas parvocelulares do núcleo paraventricular [2][3][4]. Está codificada por un xene do cromosoma 3 (locus 3 q13.3-q21). O primeiro transcrito do xene é un polipéptido precursor de 242 aminoácidos que contén 6 copias da secuencia -Glu-His-Pro-Gly-, flanqueadas por secuencias dibásicas que son despois procesadas proteoliticamente para dar a TRH madura.
A TRH é un tripéptido de 359,5 daltons coa secuencia: (piro)Glu-His-Pro-NH2.
Viaxa desde a eminencia media á adenohipófise por vía sanguínea utilizando os vasos do sistema portal hipofisario. Unha vez na adenohipófise, estimula nas células tirotropas a liberación da hormona estimulante da tiroide ou tirotropina (TSH) [5] e cando está nun nivel excesivo inhibe a dopamina, a cal estimula a liberación da prolactina, e esta á súa vez fai decrecer a GnRH.
A TRH pode tamén detectarse noutras áreas do corpo, como o sistema gastrointestinal e os illotes de Langerhans do páncreas, ademais de no cerebro.
A TRH estimula a liberación de tirotropina (TSH) ao unirse aos receptores específicos para ela da membrana plasmática das células hipofisarias. Trátase dun receptor acoplado á proteína Gq,[6] que determina o incremento do calcio citoplasmático libre, o que facilita a secreción de TSH. Ademais, estimula a formación do ARNm que codifica para a prolactina (PRL).
A secuencia da TRH foi determinada por Roger Guillemin e Andrew V. Schally en 1969, que a sintetizaron.[7][8] Ambas as partes insistiron en que os seus laboratorios determinaron a secuencia primeiro.[9]
Schally e Guillemin compartiron en 1977 o premio Nobel de Medicina "polos seus descubrimentos sobre a produción de hormona peptídica no cerebro." [9][10]
Utilízase en farmacoloxía (nome comercial Relefact TRH) nas probas para comprobar a resposta da adenohipófise.
Preparacións médicas de TRH utilízanse en probas de diagnóstico de trastornos da tiroide e na acromegalia.
A proba da TRH pode estar indicada en casos de hipotiroidismo.
A TRH foi usada clinicamente para o tratamento da dexeneración espiñocerebelar e trastornos da consciencia en humanos.[11]