Halobacterias

Halobacterium sp. cepa NRC-1, cada célula duns 5 µm de lonxitude.
Clasificación científica
Dominio: Archaea
Reino: Archaea
Filo: Euryarchaeota
Clase: Halobacteria
Orde
  • Halobacteriales
Sinonimia
  • Halobacteria Grant et al. 2002

En taxonomía, as halobacterias ou Halobacteria son unha clase de arqueas do grupo das Euryarchaeota[1]. Algúns autores tamén lles deron o nome de Halomebacteria[1], e máis recentemente proponse para elas o nome Haloarchaea (haloarqueas).[2] As halobacterias encóntranse en augas saturadas ou con altas concentracións de sal. A pesar do seu nome, o termo Halobacteria en taxonomía non se refire a bacterias senón a arqueas e ten categoría de clase, e é un termo válido e recoñecido. Porén, o nome "halobacteria" para denominar a estes organismos hoxe considerados arqueanos foi asignado antes de que os procariotas se separasen en dous dominios, as Bacteria e as Archaea, e, segundo as normas de nomenclatura o nome segue sendo válido a efectos taxonómicos, aínda que mantén a terminación antiga (-bacteria), por iso algúns propuxeron como novo nome Haloarchaea[2], polo momento non aprobado, pero que serve, en contextos non taxonómicos, para diferencialas das bacterias halófilas.

Estes microorganismos forman parte da comunidade halófila, porque requiren altas concentracións de sal para vivir. Son unha rama evolutiva das Archaea, e considéranse xeralmente extremófilos, aínda que hai excepcións.

As halobacterias (=haloarqueas) poden crecer aeróbica ou anaerobicamente. Partes das membranas das holoarqueas son de cor purpúrea, e as grandes floracións destas Halobacteria teñen unha cor avermellada, debido ao pigmento bacteriorrodopsina que teñen, que está relacionado co pigmento da retina rodopsina. A bacteriorrodopsina utilízase para absorber luz, que lles proporciona enerxía para formar ATP. As Halobacteria tamén posúen un segundo pigmento, a halorrodopsina, que bombea ións cloruro á célula en resposta aos fotóns, creando unha gradiente de voltaxe e axudando á produción de enerxía a partir da luz. Porén, o proceso non está relacionado con outras formas de fotosíntese que implican transporte de electróns, e as Halobacteria non poden fixar o carbono a partir do dióxido de carbono.[3]

Taxonomía

As arqueas extremadamente halófilas e aeróbicas clasifícanse na familia das Halobacteriaceae, orde Halobacteriales na clase III, as Halobacteria do filo Euryarchaeota (Comité Internacional sobre Sistemática de Procariotas, Subcomité sobre a taxonomía das Halobacteriaceae). En xuño de 2012, a familia Halobacteriaceae comprendía 39 xéneros.

Dominio : Archaea

Filo: Euryarchaeota

Ambiente onde viven

Lagoas salgadas con haloarqueas de cor rosa.

As halobacterias (=haloarqueas) requiren para crecer concentracións salinas superiores a 2 M (ou do 10%), e o seu crecemento óptimo xeralmente ten lugar a concentracións moito maiores, tipicamente do 20–25%. Porén, poden crecer ata niveis de saturación salina (ata o 37% de sales).

Encóntranse principalmente en lagos hipersalinos e salinas solares. As grandes densidades que acadan nas augas fan con frecuencia que estas tomen unha cor rosa ou vermella, debido aos altos niveis de pigmentos que conteñen as células.[5]

Forma das células

Estas arqueas considéranse a míúdo pleomórficas, é dicir, que a mesma especie pode adoptar varias formas. Isto fai que a identificación por microscopia sexa difícil, e hoxe é máis común utilizar mellor técnicas de secuenciación de xenes para a identificación.

Unha das Halobacteria con forma máis estraña é Haloquadratum, que ten forma cadrado e é moi fina, como un selo postal. Esta forma probablemente só é posible pola alta osmolaridade da auga, o que permite que as células adopten formas que serían difíciles ou imposibles noutras condicións.

As Halobacteria como exófilos

Estes organismos foron propostos como un tipo de forma de vida que podería vivir no planeta Marte, xa que estes microorganismos desenvolven unha fina codia de sal que pode protexelos da radiación ultravioleta. O seu pigmento bacteriorrodopsina e as bacteriorruberinas son tamén opacos á luz ultravioleta longa, polo que tamén darían protección. Pero como a atmosfera marciana ten unha presión menor que o punto triplo da auga, as especies que viven na auga non poderían vivir na superficie do planeta, na cal evaporaría toda a auga.[6]

Notas

  1. 1,0 1,1 Ver a páxina do NCBI para as Halobacteria. Datos extraídos de "NCBI taxonomy resources". National Center for Biotechnology Information. Consultado o 2007-03-19. 
  2. 2,0 2,1 Priya DasSarma and Shiladitya DasSarma 2008. On the origin of prokaryotic "species": the taxonomy of halophilic Archaea Arquivado 18 de maio de 2014 en Wayback Machine. Saline Systems 2008, 4:5 doi:10.1186/1746-1448-4-5
  3. Este parágrafo procede directamente de Academic Dictionaries and Encyclopedias páxina sobre Halobacterium
  4. Minegishi, H., Echigo, A., Shimane, Y., Kamekura, M., Tanasupawat, S., Visessanguan, W., Usami, R. "Halobacterium piscisalsi Yachai et al. 2008 is a subjective junior synonym of Halobacterium salinarum Elazari-Volcani 1957." Int J Syst Evol Microbiol. 2011 Nov 4. [Epub ahead of print]
  5. DasSarma, Shiladitya (2007). "Extreme Microbes". American Scientist 95 (3): 224–231. ISSN 0003-0996. doi:10.1511/2007.65.1024. 
  6. DasSarma, Shiladitya. "Extreme Halophiles Are Models for Astrobiology" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de febreiro de 2007. Consultado o 2007-03-17. 

Véxase tamén

Bibliografía

Revistas científicas
Libros científicos

Bases de datos científicas

Ligazóns externas