O greco-budismo consiste no sincretismo cultural entre a cultura grega e o budismo. Desenvolveuse durante 800 anos, entre o século IV a.C. e o século V d.C. na Asia Central, no territorio que actualmente constitúe os estados do Afganistán e Paquistán. O greco-budismo influenciou o desenvolvemento artístico (e posibelmente tamén conceptual) do budismo - en especial da escola Mahayana - antes da súa adopción no centro e no nordeste de Asia a partir do século I d. C., e posterior chegada á China, a Corea e o Xapón.
A interrelación entre a Grecia helenística e o Budismo comezou cando Alexandre o Grande conquistou Asia Menor e Asia Central en 334 a.C., cruzando o Indo e o Jhelum, chegando até tan lonxe como ao río Beas, establecendo así contacto directo coa India, o lugar de nacemento do Budismo.
Alexandre fundou varias cidades nos seus novos territorios nas áreas do río Oxus e en Bactria, estendendo os asentamentos aínda ata o Paso de Khyber, en Gandhara, rexión que corresponde ao único paso xeográfico practicábel entre a cadea orográfica Himalaia e os montes do Hindu Kush, por onde se exerce a relación entre a India e Asia Central, xerando un intenso intercambio cultural e comercial.
Logo da morte de Alexandre no 10 de xuño, de 323 a.C., os Diádocos (sucesores) fundarían os seus propios reinos asiáticos. O xeneral Seleuco ergueu o Reino seléucida, que chegaba ata a India. Posteriormente, a parte oriental do reino seléucida quebrouse para dar nacemento ao Reino Greco-Bactriano (século III a.C - século II a.C.), que foi continuado polo Reino Indo-Grego (século II a.C.-século I a.C), e posteriormente polo Imperio Kushan (século I d.C. até o século III d.C.).
A interrelación entre as culturas helenística e budista operou durante varios séculos ata finalizar no século V d.C. coas invasións dos hunos brancos e máis tarde coa expansión do islam.
Numerosas obras de arte greco-budista mostran unha mestizaxe de influencias helénicas e budistas, en centros de creación como Gandhara. A materia - o asunto - desa arte de Gandhara era budista, mentres os motivos eran asiático-orientais o ben de orixe helenística
Aínda que o debate segue aberto, as primeiras representación antropomórficas de Buda son consideradas, con frecuencia, como resultado da interacción greco-budista. Antes, a arte budista era anicónica: o Buda era representado só a través de símbolos (un trono baleiro; a árbore Bodhi; o pé ou a pegada de Buda; a roda de oracións etc.)
Esta resistencia cara a representación do Buda, e o desenvolvemento de sutís símbolos anicónicos (mesmo en escenas narrativas), semella estar conectada cun dos ditos de Buda rexistrado no Digha Nikaya, que desanimaba a súa representación logo da extinción do seu corpo.
Non sentíndose limitados por estas restricións, e a causa do "seu culto a forma, os gregos foron os primeiros en tentar unha representación de Buda (Linssen, "Zen Living"). En moitas partes do Mundo antigo, os gregos desenvolveron divindades sincréticas, que podían chegar a ser un foco de atracción para poboacións con tradicións distintas. Un moi coñecido exemplo é o do deus Serapis, introducido polo rei Tolomeo I en Exipto, combinando deuses gregos e exipcios. Na India era natural para os gregos crear divindade común simple combinando a imaxe dun deus-rei heleno (O deus solar Apolo), ou mesmo o deificado fundador do reino Indo-Grego, Demetrio, cos tradicionais atributos de Buda.
Moitos dos elementos estilísticos das representacións do Buda apuntan á influencia grega: a lixeira toga helena (himation) cubrindo os ombros; a pose ao contraposto das figuras en pé; o rizado cabelo de estilo mediterráneo e os lazos que, aparentemente, derivan do Apolo do Belvedere (330 a.C.); os mesurados trazos dos rostros; todos caracteres con forte vencello co realismo. Unha gran cantidade de esculturas, combinando estilos e iconografía greco-budista foron escavados en Hadda, en Gandhara.
O "pelo rizado" de Buda está descrito na famosa lista dos 32 características externas do Grande Ser (mahapurusa), que se atopan a longo das sutras budistas. O cabelo rizado, cos rizos cara a dereita, foi descrito por vez primeira no canon Pali do Pequeno Vehículo do Budismo; pódese ver a mesma descrición por exemplo, no Dasasahasrika Prajnaparamita.
O máis probabelmente é que fosen artistas gregos os autores desas temperáns representacións do Buda, en particular das estatuas de a pé, que mostran "un tratamento realístico das pregas e un volume modelado como o que caracteriza as mellores obras helenas. É grego clásico ou helenístico, non grego arcaico transmitido por Persia ou Bactria, tampouco é de Roma" (Boardman)
Durante os séculos seguintes, estas representacións antropomórficas do Buda definiron o canon da arte budista. Porén, progresivamente evolucionaron para incorporar máis elementos da India e resto de Asia.
Outras varias divindades budistas estiveron influenciadas polos deuses helénicos. Por exemplo, Heracles coa súa pel de león (divindade protectora de Demetrio I "serviu como modelo artístico para Vajrapani, o protector de Buda" [1]. No Xapón, isto foi levado máis alén con irado e musculoso Niō, deus gardián de Buda na entrada de moitos templos budistas.
Segundo Katsumi Tanabe, profesor na Universidade Chūō, Xapón (en Alexander the Great. East-West cultural contact from Greece to Japan), ademais de Vajrapani, o influxo grego aparece tamén noutros deuses do panteón Mahayana, como o deus do vento xaponés Fujin, inspirado no grego Boreas por medio do greco-budista Wardo; ou a deusa-nai Hariti, inspirada en Tyche.
Aínda máis, formas tales como grilandas portadas por querubíns, videiras, rolos, e criaturas semihumanas como os centauros ou tritóns, forman parte do repertorio da arte helenística introducida por artistas greco-romanos ao servizo da corte de Kushan.
O contexto xeográfico, cultural e histórico do Budismo Mahayana ao longo do século I a.C, no Noroeste da India, apunta a intensas influencias multiculturais. Cando xurdiu, a Mahayana recibiu "influencias dos cultos populares hindús (bhakti), e as teoloxías persa e grecorromana que se infiltraran na India polo Noroeste".[2]
A Mahayana é unha fe integradora caracterizada pola adopción de novos textos, a engadir ao tradicional canon Pali, e cambios na comprensión do Budismo. Va máis alá do tradicional ideal Theravada da liberación do sufrimento (dukkha) e a iluminación persoal dos arhats, para elevar a Buda a un status semellante a un Deus, creando un panteón case divino de Bodhisattvas, devotos eles mesmos da excelencia persoal, o coñecemento último e a salvación da humanidade. Estes conceptos, xunto co sutil sistema filosófico da fe Mahayana, puideran ter sido influídos pola interrelación entre os pensamentos grego e budista.
O Buda foi elevado á categoría de home-deus, semideus, representado nunha forma humana idealizada: "O Buda, o home-deus, é de moitas maneiras máis como un deus grego que calquera outra divindade oriental, non tanto polo ciclo narrativo da súa historia e a aparencia da súa figura erguida senón sobre todo pola súa humanidade".[3]
A comprensión supramundana do Buda e os Bodhisattvas puido ser consecuencia da tendencia grega a deificar os seus gobernantes no comezo do reino de Alexandre. "O concepto de deus-rei traído por Alexandre (...) puido alimentar o desenvolvemento do concepto de bodhisattva, que arrodea a retratística de Buda na arte de Gandhara co rostro do deus solar Apolo.[4]
Lamotte (1954) de maneira controvertida suxire (opónselle Conze (1973) e outros) que a influencia grega estivo presente na definición do ideal Bodhisattva nos textos literarios Mahayana máis antigos, como a "Perfección da Sabedoría" ou prajpāramitā, desenvolvidos entre o século I a.C. e o século I d.C. Estes textos redefinen, en particular, o Budismo en torno ao ideal universal Bodhisattva, e as súas seis virtudes centrais: xenerosidade, moralidade, paciencia, esforzo, meditación, e primeiramente e sobre todas, a sabedoría.
A estreita asociación entre o grego e o Budismo probabelmente tamén levou a intercambios no plano filosófico. Moitos das teorías da Mahayana máis antigas sobre a realidade e o coñecemento poden ser ligadas as escolas de pensamento filosófico de Grecia. O Budismo Mahayana ten sido descrito como a "forma de Budismo que (sen reparar como chegou a 'hinduizarse' nas súas formas tardías) que semella orixinarse nas comunidades greco-budistas da India, a través do choque entre a tradición grega de Demócrito, a Sofística e o escepticismo, cos rudimentarios elementos de empírica informal e escéptica xa presentes no Budismo temperán.[5]