A grafila dunha moeda é a parte elevada que rodea completamente o seu contorno por ambas as caras, o anverso e o reverso. Cómpre non confundila co canto da moeda, coñecido tamén como "terceira cara".[1][2][3][4] A grafila aparece adoito adornada con puntiños, liñas e outras figuras.[5][6][7]
Cando carece destes adornos e se limita a unha liña continua polo bordo exterior do disco denomínase adoito listel.[8][9]
Coa presenza da grafila redúcese o desgaste tanto dos motivos gravados como do propio campo ou parte lisa da moeda. Ademais da protección contra o desgaste, a grafila tamén ten como misión evitar a práctica fraudulenta do retallamento, mediante o cal, sobre todo antigamente nas moedas de prata e ouro, se lles extraían pequenas porcións de metal limando ou recortando os cantos.[1]