O Escudo Real do Reino Unido (en inglés Royal Coat of Arms of the United Kingdom). É o escudo de armas do monarca británico, actualmente Carlos III. Tamén é empregado como o brasón do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte.
Este escudo é un acuartelado, dividido en catro cuarteis:
Os catro cuarteis aparecen rodeados pola insignia da Orde da Xarreteira na que figura o seu propio lema: "Honi soit qui mal y pense" (en francés antigo: "Maldito sexa o malpensado"). En heráldica, as dúas figuras que sosteñen o escudo denomínanse tenantes ou soportes. Por Inglaterra figura un león rampante coroado de ouro, na posición máis próxima ó primeiro cuartel, que está ocupado polo seu brasón. No outro lado, xunto ó brasón escocés, figura un unicornio branco, coroado e encadeado. A figura do unicornio foi empregada como soporte do escudo dos monarcas escoceses.
As armas reais aparecen timbradas cun helmo adornado cun lambrequín de cor amarela, por un lado, e de armiño polo outro. O helmo está situado baixo a coroa real inglesa coñecida como a Coroa dos Tudor que é a que usan os reis británicos salvo en Escocia. Sobre a coroa esta colocada a cimeira, un adorno que se situaba sobre o casco, outro león máis pequeno coroado de ouro.
Na parte inferior, sobre un montículo e cor verde, aparecen colocados os emblemas vexetais de Inglaterra (unha rosa heráldica), Escocia (unha flor de cardo) e Irlanda (un trevo). Nunha cinta de cor azul está escrito o lema do Reino Unido: "Dieu et mon droit" (en francés: "Deus e o meu dereito").
Ata o reinado de Xurxo III figurou tamén o brasón dos reis de Francia. O trono francés foi reclamado polos reis de Inglaterra durante a Idade Media. Logo da desaparición do cuartel francés incorporouse o dos monarcas de Hannover. Estes últimos foron eliminados durante o reinado da raíña Vitoria.
En Escocia, o monarca británico utiliza un escudo de armas con algunhas modificacións. Aparecen os mesmos cuarteis pero alterase a súa orde para dar preferencia ó escocés que aparece desta forma no primeiro e no carto. A xarreteira é substituída polo colar da Orde escocesa do Cardo e os tenantes ou soportes son os mesmos pero o unicornio escocés, portando a coroa real escocesa, tamén pasa a ocupar o lugar preferente. Tanto o unicornio coma o león suxeitan os estandartes escocés e inglés.
A coroa de San Eduardo tamén é substituída pola que usaron os antigos monarcas escoceses e sobre ela sitúase a súa cimeira, un león coroado de goles que sostén unha espada e un cetro.
Ó pé, tamén fóra do escudo, só aparece a flor do cardo e unha cinta co lema escocés: "Nemo me impune lacessit" ("Ninguén me ofende impunemente").
O escudo actual é unha combinación dos escudos dos reinos que forman o Reino Unido. Na táboa aparecen os escudos desde Henrique II de Inglaterra e Guillerme I de Escocia.
|
O goberno británico utiliza unha versión simplificada das armas reais na que non aparece o helmo. Esta versión non foi definida oficialmente como escudo nacional, pero aparece nos pasaportes e nas bandeiras das embaixadas do Reino Unido.
A Oficina para Escocia, un organismo dependente do Ministerio de Xustiza do Reino Unido responsable das competencias non transferidas polo Goberno Británico ó Executivo Autónomo da Rexión e das relacións entre ambos, emprega unha variante das armas reales utilizadas en Escocia sen o helmo nin os estandartes dos soportes.