Emma Watson | |
---|---|
Nome completo | Emma Charlotte Duerre Watson |
Nacemento | 15 de abril de 1990 |
Lugar | Marais |
Nacionalidade | Reino Unido |
Etnia | Pobo inglés |
Educada en | Worcester College, Universidade Brown, Headington School, Dragon School, Stagecoach Theatre Arts e International School of France |
Profesión | modelo, actriz de cinema, actriz de teatro, activista, actriz infantil, actriz de dobraxe, actriz e modelo |
Na rede | |
| |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Emma Charlotte Duerre Watson, nada o 15 de abril de 1990 en París, Francia, é unha actriz e activista inglesa. É coñecida pola súa participación en producións cinematográficas de éxito mundial e filmes independentes, así como pola súa loita a favor dos dereitos da muller. O longo da súa traxectoria recibiu diversos premios e recoñecementos, entre os que destacan un Premio Young Artist e tres MTV Movie Awards. Segundo as revistas Forbes e Vanity Fair, Watson atópase entre as actrices mellor pagadas do mundo, e en 2015 a revista Time incluíuna entre as 100 persoas máis influentes do mundo dese ano.[1][2][3]
Watson acudiu á Dragon School e recibiu formación de interpretación na Stagecoach Theatre Arts de Oxford.[4] Acadou recoñecemento internacional sendo aínda unha nena cando conseguiu o seu primeiro papel profesional interpretando a Hermione Granger na serie de filmes de Harry Potter, cando daquela só tiña experiencia en obras de teatro escolares. Tamén protagonizou en 2007 a adaptación televisiva da novela Ballet Shoes e puxo a súa voz no filme The Tale of Despereaux (2008). Despois de finalizar a saga de Harry Potter, entre 2011 e 2014, Watson compaxinou o seu tempo entre o cinema e continuar os seus estudos, graduándose en literatura inglesa en maio de 2014 pola Universidade Brown. Ese mesmo ano, foi "embaixadora de boa vontade" na axencia ONU Mulleres e axudou a lanzar a campaña HeForShe, que loita pola igualdade de xénero. En 2018, axudou no proxecto Time's Up UK como fundadora. Watson tamén participou no órgano consultor para o G7 polos dereitos das mulleres en 2019, falando con líderes sobre política exterior.
Watson tamén traballou como modelo en campañas para Burberry e Lancôme. Ademais, puxo o seu nome a unha liña de roupa sostíbel para a marca People Tree. En 2020, uniuse ao cadro de directores de Kering, unha marca de luxo na que avoga pola moda sostíbel.
En 1999 comezaron os castings para Harry Potter e a pedra filosofal, a adaptación cinematográfica do supervendas homónimo da novelista inglesa J. K. Rowling. Os encargados do casting atoparon a Watson a través da súa profesora de teatro en Oxford e os produtores ficaron gratamente abraiados pola confianza en si mesma que tiña a rapaza. Tras oito audicións, o produtor David Heyman comunicoulles a Watson, Daniel Radcliffe e a Rupert Grint, que foran seleccionados para interpretar a Hermione Granger, Harry Potter e Ron Weasley, respectivamente. A autora da novela, Rowling, xa mostrara o seu apoio a Watson dende que viu a súa primeira proba.[5]
O debut de Watson como Hermione Granger chegou en 2001, coa estrea de Harry Potter e a pedra filosofal, película que bateu récords de público durante a súa primeira fin de semana, sendo a produción máis exitosa dese ano. A crítica eloxiou, maioritariamente, o traballo da tríade protagonista, facendo fincapé na interpretación de Watson. O xornal inglés The Daily Telegraph describiu o seu traballo como «admirable», e IGN afirmou «fíxose dona da función». Watson foi nomeada a cinco premios polo seu traballo, acadando o Young Artist á Mellor interpretación xuvenil-Protagonista (Young Artist Award for Leading Young Actress).
Ó ano seguinte, Watson retomou o papel de Hermione en Harry Potter e a Cámara dos Segredos, a segunda entrega da serie. Aínda que o filme recibiu diversas críticas mixtas, en xeral, valorouse positivamente o traballo do elenco e Watson recibiu un premio Otto polo seu labor, outorgado pola revista alemá Die Welt.
En 2004 estreouse Harry Potter e o preso de Azkaban. Watson destacou a personaxe de Hermione nesta terceira entrega, que definiu como "carismático" e "un gran papel para interpretar".[6] A pesar de que a crítica comezou a cuestionar o traballo do protagonista Daniel Radcliffe, Watson continuou recibindo críticas positivas; The New York Times eloxiou a súa interpretación, destacando que "afortunadamente o insípido traballo do señor Radcliffe queda compensado pola aguda impaciencia e rapidez da señorita Watson". Aínda que Harry Potter e o preso de Azkaban permanece, a xaneiro de 2008, como o filme con menos público da serie, representou o maior éxito de Watson, recibindo dous premios Otto e o premio á Actuación xuvenil do ano da revista Total Film (Child Performance of the Year).
Coa estrea en 2005 de Harry Potter e o Cáliz de fogo, tanto Watson como a serie superaron tódolos rexistros anteriores. A película bateu récords de público na súa primeira fin de semana, tanto nos Estados Unidos como no Reino Unido. Nomeada en tres premios polo Cáliz de fogo, Watson foi galardoada cun Otto de bronce. No 2006 interpretou a Hermione en The Queen´s Handbag, un mini episodio especial de Harry Potter para celebrar o oitenta aniversario da raíña Sabela II.
A quinta entrega, Harry Potter e a Orde do Fénix, estreada en 2007, foi todo un éxito financeiro: estableceu a cifra récord, a nivel mundial, de $333,7 millóns na súa primeira fin de semana. Watson gañou o primeiro National Movie Award á mellor interpretación feminina e o premio á mellor actriz nos Nickelodeon Kids' Choice Awards. En xullo de 2007, Watson e os seus compañeiros Daniel Radcliffe e Rupert Grint, deixaron as pegadas das súas mans, pés e variñas fronte ó Grauman's Chinese Theatre en Hollywood.
A gravación do sexto título da serie de filmes de Harry Potter comezou a finais de 2007.[7][8] Harry Potter e o misterio do príncipe estreouse o 15 de xullo de 2009,[9], aínda que a súa estrea estaba prevista para novembro de 2008.[10] The Washington Post publicou que Watson dera "[a súa] mellor actuación até o momento",[11] mentres que The Daily Telegraph indicou que os actores principais estiveran "novamente liberados e con enerxía, con ganas de dalo todo para o que resta da saga".[12]
A gravación do final da saga comezou o 18 de febreiro de 2009[13] e rematou o 12 de xuño de 2010.[14] Por motivos financeiros e de guión, o libro orixinal foi dividido en dous filmes que se gravaron de xeito consecutivo.[15][16] Harry Potter e as reliquias da morte (1ª parte) estreouse en novembro de 2010, mentres que Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte) fíxoo en xullo de 2011.[17] Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte) foi un éxito comercial e recibiu moi boas críticas, sendo o filme con maior éxito no que participou Watson até o momento.[18]
Ano | Título | Personaxe | Notas |
---|---|---|---|
2001 | Harry Potter e a pedra filosofal | Hermione Granger | |
2002 | Harry Potter e a Cámara dos Segredos | ||
2004 | Harry Potter e o preso de Azkaban | ||
2005 | Harry Potter e o Cáliz de fogo | ||
2007 | Harry Potter e a Orde do Fénix | ||
2008 | The Tale of Despereaux | Princesa Pea | Voz |
2009 | Harry Potter e o misterio do príncipe | Hermione Granger | |
2010 | Harry Potter e as reliquias da morte (1ª parte) | ||
2011 | Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte) | ||
My Week with Marilyn | Lucy | ||
2012 | The Perks of Being a Wallflower | Samantha "Sam" Button | |
2013 | The Bling Ring | Nicki Moore | |
This Is the End | Emma Watson | ||
2014 | Noah | Ila | |
2015 | Colonia | Lena | |
Regression | Angela Gray | ||
2017 | Beauty and the Beast | Belle | |
The Circle | Mae Holland | ||
2019 | Little Women | Margaret "Meg" March |
Ano | Título | Personaxe | Notas |
---|---|---|---|
2007 | Ballet Shoes | Pauline Fossil | Telefilme |
2015 | The Vicar of Dibley | Iris | Episodio: "The Bishop of Dibley" |
2022 | Harry Potter 20th Anniversary: Return to Hogwarts | Emma Watson | Episodio especial (reunión) |
Ano | Título | Personaxe | Artista |
---|---|---|---|
2010 | "Say You Don't Want It" | Dama | One Night Only |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Emma Watson |