David T. Alexander | |
---|---|
Datos persoais | |
Nacemento | 1 de xuño de 1940 |
Lugar | Brooklyn |
Nacionalidade | Estados Unidos de América |
Cónxuxe | Debra Lee Price. Patricia Ann LaBranche French |
Actividade | |
Campo | numismático |
Alma máter | Universidade de Miami e Universidade de California, Os Ánxeles |
Contribucións e premios | |
Coñecido por | Editor numismático |
Premios | Véxase a sección "Recoñecementos". |
[ editar datos en Wikidata ] | |
David Thomason Alexander, nado en Brooklyn, Nova York, o 1 de xuño de 1940, é un autor e editor numismático estadounidense.
David T. Alexander e o seu irmán John comezaron a coleccionar moedas na súa infancia, en 1949, cando a súa familia se trasladou a Florida desde Nova York. Alí, ambos afiliáronse ao Miami Coin Club en 1953 e a Florida United Numismatists en 1955.[1][2]
David cursou os seus estudos superiores na Universidade de Miami en Coral Gables (Florida),[2] onde se graduou en 1961 e acadou o mestrado en 1962. Posteriormente realizou estudos de posgrao na Universidade de California nos Ánxeles, entre 1962 e 1963.[3]
Inmediatamente despois da súa graduación foi nomeado director do Museo Histórico do Sur de Florida, cargo que ocupou de 1963 a 1974.[3]
A súa carreira como autor numismático comezou en 1963, escribindo para as publicacións da Society for International Numismatics, e a súa relación co mundo da edición numismática comezou en 1974, cando ingresou na revista Coin World como redactor e editor internacional, posto que mantivo ata 1981.[1][2][4]
Desde 1975 exerceu tamén como editor executivo de Numismatic Scrapbook.[1] En 1981 ingresou na división editorial de Johnson & Jensen e tamén foi nomeado editor de The Shekel. En 1983 foi contratado por Kagin's,[4] e en 1984 fundou e dirixiu Alexander Numismatic Services.[3]
En 1990 incorporouse ao cadro da compañía de poxas numismáticas Stack's como catalogador.[1][3]
No ámbito asociativo, Alexander é membro da American Numismatic Societry (ANS) e da American Numismatic Association (ANA), entidade esta da que foi nomeado historiador en 1998 e en cuxo xornal, The Numismatist, foi un colaborador habitual.[2] Tamén foi membro fundador de Medal Collectors of America en 1998, e entre agosto de 1982 e agosto de 1990 foi o director executivo do Gremio Literario Numismático dos estados Unidos, ao que pertence desde 1975.[1][3] Entre 2005 e 2006 presidiu o Club Numismático de Nova York.[2][4]
En 2012, Alexander vinculouse como experto numismático á compañía de poxas numismáticas Heritage Auctions.[2]
Ao longo da súa carreira colaborou con diversas publicacións periódicas do ámbito numismático, como COINage, First Strike, FUN Topics, Numismatic News ou PNG Report,[3] e mantivo unha columna en Coin World titulada The Research Desk.[2][4][5]
David T. Alexander casou con Debra Lee Price, quen faleceu en 1974. O 3 de decembro de 1977 casou en segundas nupcias con Patricia Ann LaBranche; ambos tiveron dous fillos adoptados.[3]
Estas son algunhas das monografías máis salientables das publicadas por David T. Alexander ao longo da súa carreira.