Cantroxo | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Lavandula stoechas subsp. stoechas | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
'Lavandula stoechas' Lam. |
O cantroxo[1][2] (Lavandula stoechas) é unha planta aromática do xénero Lavandula (as lavandas), de até un metro de altura da familia das lamiáceas.
Outros nomes comúns son arzaia[3], azaia[4] ou cantroxina[5].
Son matas de ata 1 m de altura, algunhas escasamente leñosas, pilosas en moitos dos seus órganos e con glándulas ricas en aceites esenciais que lle dan o aroma característico. Presentan follas de cor verde abrancazada, sésiles, opostas, simples, enteiras (co bordo revolto cara ao envés), dentadas ou pinnatífidas.
Florece en primavera. Posúen inflorescencias de tipo verticilastro [6], con 6-10 flores de cor morada, dispostas en pisos separados ao longo do eixe florífero ou nunha estrutura compacta, axilados por brácteas florais e formando unha especie de espiga terminal. As flores son pequenas, cun cáliz tubular, case actinomorfo[7], con 5 sépalos con cadanseu dente curtos e un apéndice oblongo ou romboidal na parte superior. A corola é bilabiada, co labio superior recto, ergueito, formado por dous lóbulos; o labio inferior é trilobado. Posúen catro estames, didínamos[8] e o ovario dividido en catro partes. O froito preséntase en tetranúcula[9].
Está presente nos países da área mediterránea até altitudes de 1.000 metros. Prefire zonas asolladas e é frecuente nas costas, onde chega a formar parte da vexetación dunar.
En España tamén están presentes a L. lanata (propia de Andalucía e Murcia), a L.angustifolia[10] (en Cataluña, Valencia, Aragón e País Vasco), a L. latifolia [11] (en Cataluña, Levante Andalucía e, máis dispersa, nas dúas Castelas) e a L. pedunculata (propia da metade occidental da península pero tamén presente noutras áreas, mesmo Galicia ou Portugal).
En Galiza danse dúas subespecies, a L. stoechas stoechas, que se recoñece polo pedúnculo floral de 1–3 cm, o penacho de brácteas sobre a espiga curto e as follas obtusas; e a subespecie L. stoechas sampaiana, cun longo pedúnculo de 10–20 cm, penacho longo (tanto como a propia espiga) e follas agudas. A primeira é a común nas zonas costeiras de Pontevedra, A Coruña e Lugo, e a segunda pode observarse no norte da provincia de Ourense e sur da de Lugo.
Xa os asirios, exipcios, gregos e romanos utilizaban a lavanda para perfumar casas e baños. Aínda na actualidade se queima a semente nas casas coa mesma fin. Unha posible etimoloxía fai derivar o nome de lavare, destinado ao baño, polo uso común nas termas romanas. A auga de lavanda é moi común en perfumería, o que explica a extensión do cultivo agrícola desta planta.
Na terapéutica popular utilízase contra a asma, a tose, e como tónico e calmante nervioso; por vía externa como antiséptico e antipútrido. O uso medicinal da lavanda débese aos efectos tónicos, dixestivos e espasmolíticos do aceite esencial que posúen. Utilízanse a tal fin as sumidades florais, é dicir, as espigas de flores ou os gromos florais ou, ocasionalmente, as follas e os talos novos.
Para as dores de estómago usábanse unturas de lavanda, ruda e macela fritidas en manteiga de porco.
O alcohol de lavanda (as flores maceradas en alcohol) úsase para lavar e desinfectar feridas.
Tamén se usou na veterinaria tradicional, en cataplasmas para golpes e escordaduras, ou en infusión para estimular o movemento intestinal (como no caso da inapetencia, meteorismo ou cólicos). Nas feridas, a esencia de lavanda acelera a cicatrización e era utilizada polos ferradores tanto para as feridas e gretas dos cascos como para as infeccións por cravos mal colocados.
Finalmente, Lis Quibén recolle en Cangas (Pontevedra) a práctica que queimar flores de lavanda para esconxurar unha casa e protexela do meigallo. Para iso poñen nunha tella un pouco de romeu, lavanda, loureiro "que mire ó mar" e tres dentes de allo, un en cada extremo da tella e o outro no medio. Despois, queiman todo iso, coas ventás pechadas, e rematan tocando tódalas paredes cunha póla de oliveira, levando a tella na outra man e recitando un ensalmo.
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Cantroxo |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cantroxo |