Ulises e Diomedes traen a Ifixenia ante Calcas para ser sacrificada. Á esquerda, o seu pai, Agamenón, chora impotente. No ceo, Artemisa trae a cerva que substituirá á vítima (Fresco do s. I d. C., procedente da Casa do Poeta Tráxico, de Pompeia, e conservado no Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles)

Na mitoloxía grega, Calcas ou Calcante foi un adiviño que agoiraba o futuro a partir do voo das aves, grazas a que Apolo, titular do Oráculo de Delfos, lle concedera o don da profecía. Foi o adiviño dos aqueos durante a Guerra de Troia. Era fillo de Téstor, á súa vez fillo e sacerdote de Apolo, e vivía en Micenas ou Mégara. Tiña un fillo, Teónoe, e unha filla, Leucipe.

Guerra de Troia

No contexto da Guerra de Troia, Calcas estivo presente en tódolos momentos trascendentes e profetizou os seguintes feitos:

Máscara funeraria de Agamenón (achada na Tumba V de Micenas, 1876)
"Os oráculos son claros e concisos, respondeu Héleno. Troia caerá este verán se se leva certo óso de Pélope ó voso campamento; se Neoptólemo sae a combater no campo de batalla; e se se rouba o Paladio de Atenea na cidadela, pois mentres estea alí non se poderá abrir fenda nas murallas".
(Robert Graves, px. 746)
Héleno referíase á escápula de Pélope [10] e a unha imaxe de madeira de Atenea que veneraban en Troia, chamada Paladio por representar a Palas [11].
Aquiles recibe a Briseida (fresco de Pompeia, na Casa do Poeta Tráxico)

Outros momentos

Calcas era orixinalmente troiano, pero abandonara a cidade hai tempo [13]. En Troia quedara a súa filla Briseida e Calcas solicitou a Agamenón que pedise a Príamo e que non a considerara prisioneira de guerra. Príamo accedeu e enviouna ó campamento grego escoltada polos seus fillos [14].

A lenda conta que o oráculo lle profetizara que morrería cando coñecese un adiviño mellor que el. Este foi Mopso, a quen coñeceu en Colofón, fillo de Apolo e Manto e neto de Tiresias; tanto Manto como Tiresias eran tamén adiviños de sona.

Figueira

Para poñer a proba a Mopso, Calcas retoulle a adiviñar cantos figos había nunha figueira ventureira que alí crecía. Mopso pechou os ollos e calculou dez mil figos, máis unha fanega ben pesada e aínda un figo máis [15]. Calcas riuse del pero ó coller e contar tódolos figos comprobou que o cálculo era exacto. Logo foi Mopso quen o retou, preguntándolle cantos ranchos ía parir unha porca, cantos serían machos e femias e cando sería o parto. Calcas aunciou que tería oito leitóns, todos machos e que non pariría ata dentro de nove días, esperando ter marchado de alí para ese momento. Pero Mopso calculou que só serían tres, un deles macho, e que pariría ó día seguinte; ou, para Pseudo-Apolodoro, nove, todos machos [16], e así foi exactamente. Calcas, deprimido polo seu fracaso, morreu (outros din que se suicidou) e foi sepultado en Notio.

Pero os dous adiviños xa eran adversarios anteriormente. Mopso aconsellara ó rei de Licia non iniciar unha guerra porque sería vencido, pero Calcas aseguroulle a vitoria. O rei foi á guerra e foi derrotado, o que debeu influír nesa depresión.

Outra versión di que un adiviño profetizou a data da súa morte: Calcas tiña unha viña e o adiviño díxolle que non chegaría a beber o seu viño. A viña produciu uvas e elaborouse o viño e, chegado o día de beber o viño novo, Calcas invitou ós veciños e ó propio adiviño que, no momento en que Calcas ía beber da súa copa, insistiu en que non chegaría a bebelo. A Calcas deulle un ataque de risa tan forte que lle provocou a morte por asfixia [17].

Existiu no sur de Italia outro adiviño tamén chamado Calcante, a quen matou Heracles. Outro Calcante, no Adriático, tiña un santuario ó que a xente ía durmir para adiviñar o seu futuro a través dos soños.

Notas

  1. A alternativa era unha longa vida, pero sen gloria.
  2. Ou Ulises e Néstor.
  3. Segundo as fontes.
  4. Pseudo-Apolodoro, Epítome III, 15.
  5. Metamorfosis XII, 11-23.
  6. Os diferentes autores dan distintas versións da causa que provocara a ira de Artemisa.
  7. Ou unha osa ou unha muller vella.
  8. Criseida e Briseida, esta filla de Brises, foran capturadas como botín de guerra, e a Agamenón correspondeulle a primeira e a Aquiles a segunda.
  9. Filoctetes era un dos compañeiros de armas de Heracles. Cóntase que o axudou a levantar a pira funeraria onde foi morrer o heroe e o único que se atreveu a plantar lume na pira; Heracles, agradecido, doulle o seu arco e as súas frechas. Pola contra, Pseudo-Apolodoro di que foi Peante, un pastor, quen a prendeu (II, 7, 7). Foi abandonado na deshabitada illa de Lemnos por cousa dunha ferida no pé, infectada e cheirenta, que lle provocara a picada dunha serpe, e a promesa de curar esa ferida foi a razón que o convenceu.
  10. Pélope era o fillo de Tántalo, quen o matou, parteu en cachos e cociñou para un banquete ofrecido ós deuses. Tódolos deuses recoñeceron a orixe da carne que lles serviu e rexeitaron comer, menos Deméter, que comeu a escápula esquerda antes de darse de conta. Zeus condenou a un castigo eterno a Tántalo e resucitou a Pélope, cunha escápula de marfil para substituír á que comera Deméter.
  11. Pseudo-Apolodoro, Epítome V, 10-11.
  12. A lenda di que Aquiles estaba namorado dela, ata o punto de que foi por ela polo que devolveu a Príamo o cadáver do seu fillo Heitor.
  13. "Un renegado troiano", chámao Graves (px. 695).
  14. Graves, px. 714, se ben Grimal a considera filla de Brises, e capturada por Aquiles na cidade de Lirneso nos primeiros días da guerra contra Troia.
  15. A fanega, en Galicia, é unha unidade de superficie. Graves fala dunha fanega de Exina (px. 767), e, en Castela, unha fanega equivale a 55,5 litros (12 celemíns). Grimal fala dun celemín(s.v. Calcante), que equivale en Castela a 4,625 litros. Aínda sendo unidades de medida que varían segundo o lugar, a diferenza é substancial.
  16. Graves, px. 767; Pseudo-Apolodoro, Epítome VI, 3.
  17. Grimal, px. 81b.

Véxase tamén

Bibliografía